A alcaldesa destaca en Madrid que a pesar do recoñecemento do Ministerio de Igualdade a Dolores Vázquez “este país segue a ter aínda unha débeda pendente con ela”

143
A ministra de Igualdade, Ana Redondo; Dolores Vázquez; a alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o concelleiro Andrés Hermida.

A ministra de Igualdade, Ana Redondo, entregou á betanceira Dolores Vázquez a Medalla á Promoción dos Valores de Igualdade, un recoñecemento que pon o foco tanto no sufrimento inxustamente padecido como no seu papel na concienciación social sobre a discriminación e os erros do sistema.

No acto, celebrado na sede do Ministerio en Madrid, estivo presente a alcaldesa, María Barral, quen agradeceu á ministra e o Goberno este recoñecemento  a Dolores Vázquez, tal e como  dende a alcaldía de Betanzos se pidira fai un ano.

A alcaldesa, quen mostrou a súa satisfacción por “ver como se sinte hoxe Dolores Vázquez con este acto”,  asegurou que “é un día de fonda carga emocional, non só para Dolores, senón para toda a sociedade que cre na xustiza e na reparación das inxustizas”. Barral destacou que “estamos vivindo un momento de xustiza e de reparación simbólica. Dolores representa a fortaleza fronte á adversidade, a dignidade mesmo nas circunstancias máis duras e a capacidade de seguir adiante sen perder os valores”.

A rexedora lembrou que “hai pouco máis dun ano, en marzo de 2025, Betanzos recoñecíaa co Premio Úrsula Meléndez de Texeda. Aquel día marcou un antes e un despois, porque puxo voz a unha realidade que non podía seguir sendo ignorada”.

Neste sentido, engadiu que “as súas palabras en Betanzos, falando da ausencia de rencor pero da necesidade de perdón, foron unha lección para todos e todas. Fixéronnos entender que a reparación non é só un xesto institucional, senón tamén un compromiso colectivo coa memoria e coa xustiza”.

A alcaldesa incidiu tamén en que “o que lle aconteceu a Dolores Vázquez non pode volver repetirse. Foi vítima dunha condena sen probas, dunha presión mediática insoportable e dun sistema que non estivo á altura. Durante anos cargou cunha culpa que nunca lle correspondeu, soportando o illamento social, o sinalamento público e un sufrimento persoal difícil de reparar. Iso obríganos a reflexionar como sociedade e a mellorar”.

Así mesmo, subliñou que “este recoñecemento chega tarde, pero chega, e ten un enorme valor simbólico. É unha forma de dicir alto e claro que Dolores Vázquez nunca debeu pasar polo que pasou. Tamén cómpre salientar o recente recoñecemento por parte do Ministerio de Igualdade, que supón un paso relevante no camiño cara á dignificación da súa figura e á visibilización dunha inxustiza que non pode caer no esquecemento”.

Barral quixo tamén poñer en valor “a súa enteireza e a súa humanidade, porque mesmo despois de todo, foi capaz de falar sen odio, apelando á xustiza e ao perdón. Iso dignifícaa aínda máis e convértea nun exemplo”.

Finalmente, concluíu que “hoxe acompañámola con orgullo dende Betanzos. Alegrámonos profundamente por ela, pero tamén reiteramos que este país ten aínda unha débeda pendente. O recoñecemento institucional é importante, pero non suficiente: cómpre avanzar cara a un perdón pleno, medidas de reparación máis amplas e garantías de non repetición que pechen definitivamente esta ferida e fagan xustiza de maneira completa”.