Novo impulso para o Complexo San Roque: cara á súa regularización e posta en funcionamento integral

289

Dar solución á situación de inestabilidade e aos problemas xurídicos e económicos que o hotel Complexo San Roque viña arrastrando desde hai varios lustros. Con ese obxectivo, desde hai un tempo e a raíz da última denuncia interposta no Xulgado polo propio Concello, mantivéronse conversacións durante o último ano desde a alcaldía e os departamentos xurídicos e de urbanismo con representantes dunha nova empresa interesada no complexo para poñer en marcha un novo proxecto que “supoña un antes e un despois neste equipamento que leva anos arrastrando unha situación complexa”, explica a alcaldesa, María Barral.



Con este plantexamento e despois de meses de traballo, e unha vez que existe un acordo entre a concesionaria e a empresa interesada nas instalacións, o goberno local explicou esta semana ao resto dos grupos municipais os avances para “dar ese novo impulso ao complexo”, que abranguerá non só o hotel senón tamén o restaurante (museo-degustación) e o aparcadoiro subterráneo que nunca chegou a utilizarse.

María Barral explicou que esta nova empresa está en condicións de “asumir a xestión do complexo e todo o que iso implica a nivel económico, legal e de posta en funcionamento do aparcadoiro subterráneo”. Esta proposta deberá agora contar cos informes municipais definitivos para a súa elevación a aprobación plenaria, co fin de dar ou non conformidade ao novo proxecto, informando e comunicando ao mesmo tempo estes cambios na xestión ao Xulgado.

A rexedora valorou a proposta, á espera dos informes municipais definitivos, como “un paso importante para desbloquear unha situación que non foi a máis axeitada nos últimos anos”. “Poder contar con todos os servizos do complexo, incluído o aparcadoiro subterráneo, nunha cidade cunha importante demanda de prazas hoteleiras e cun crecemento turístico palpable e visible, é sumamente importante para Betanzos. Agora, en principio, danse as circunstancias axeitadas para reverter un problema que este Concello arrastraba desde hai anos”, indicou a alcaldesa.