A alcaldesa, María Barral, reuniuse co subdelegado do Goberno en Galicia, Julio Abalde, para esixir solucións “inmediatas” aos problemas de persoal da oficina da Seguridade Social.

619

A alcaldesa María Barral, trasladoulle ao subdelegado os problemas de falta de persoal da oficina da Seguridade Social e pediu unha solución urxente “ante a situación que viven diariamente os veciños de Betanzos e do resto da comarca”, que lles obriga a desprazarse a outros lugares para seren atendidos.

Tras comunicalo nunha conversa anterior, mantívose a reunión para tratar este asunto. Barral explicou que, tras denuncialo, o servizo mellorou só temporalmente, xa que a mellora apenas durou uns días. Os problemas repetíronse, provocados principalmente pola falta de persoal. “Dende a pandemia non volveu funcionar con total normalidade”.

 

A explicación pasa porque hai baixas de longa duración e teletraballo, o que fai que moitos días non haxa atención presencial. Aínda entendendo os dereitos dos traballadores, “o que padecen os veciños é, a todas luces, insoportable”.

María Barral lembrou que os veciños non teñen por que desprazarse á Coruña, Melide ou Ferrol para facer xestións presenciais.

Indicou que Betanzos esixe “unha solución definitiva para cubrir as baixas”, xa que as solucións non están chegando e non se pode seguir agardando máis tempo.

Tras a reunión, existe o compromiso de acadar unha solución definitiva en pouco tempo, que a alcaldesa espera que se cumpra o antes posible.