A biblioteca municipal consegue o primeiro posto do certame “Bibliotecas que inspiran” da Xunta polo programa Paseos Librescos

259

A Biblioteca Municipal de Betanzos vén de conseguir outro premio polo seu programa Paseos Librescos. Despois de que recibise hai uns días un dos premios María Moliner do Ministerio de Cultura, a Xunta acaba de comunicar ao Concello, a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, que o centro municipal betanceiro obtivo o primeiro premio no certame “Bibliotecas que inspiran” na categoría de concellos de máis de 10.000 habitantes.

 

Recoñécese así o labor do proxecto Paseos Librescos, destacado pola comisión avaliadora despois dunha análise rigorosa e comparativa de numerosas propostas, todas elas de gran mérito. A comisión destacou a calidade técnica e organizativa do proxecto, reflectida nun deseño coidado, con obxectivos claros e indicadores de avaliación axeitados e a aposta decidida por un enfoque innovador, que combina tradición e modernidade, e que integra as dinámicas presenciais e a participación cidadá.

 

A alcaldesa, María Barral, subliñou outro dos aspectos destacados pola comisión e que coincide tamén co premio obtido a nivel nacional, que pasa polo  compromiso firme coa promoción da lectura e que sitúa a biblioteca como centro clave na vida local, como espazo de unión social e como ferramenta para o benestar da veciñanza.

 

O acceso universal á cultura, que entende as bibliotecas non como meros espazos de custodia documental, senón como centros vivos de aprendizaxe, creatividade, diálogo e transformación social, foi outro dos aspectos destacados. A isto cómpre sumar o papel que desempeña a Biblioteca Pública Castelao na promoción dun modelo de biblioteca pública inclusiva, aberta á diversidade e atenta ás necesidades reais da cidadanía. O premio fai especial fincapé no impacto dun proxecto que transcende o ámbito local e constitúe unha referencia inspiradora para outras entidades locais e centros bibliotecarios.

 

María Barral destacou o compromiso e a dedicación do equipo humano da biblioteca, que foi fundamental para o éxito desta iniciativa. Paseos Librescos é unha acción que combina o achegamento aos libros coa posta en valor do patrimonio local. Os diferentes paseos realizados respondían a diferentes temáticas (libros, amor, artistas, cine…) e comezaban na biblioteca cunha mostra bibliográfica que se lles comentaba con detemento ás persoas participantes. Esta exposición adoitaba contar con documentos do Arquivo Municipal e con pezas do Museo das Mariñas. Unha vez analizada a mostra, chegaba o momento de botarse a camiñar polas rúas de Betanzos para recuperar outras moitas historias que permanecían agochadas nos libros e que, grazas a estes paseos, a veciñanza podía descubrir.