O Concello concluíu os traballos de renovación da pasarela de madeira que une As Cascas co Pasatempo ao tempo que tamén acondicionou a ponte sobre o Mandeo na Ribeira. Nesta última, executouse durante os últimos días a renovación de varias travesas de madeira, fixéronse arranxos nos arcos da ponte e aplicous un verniz antiescorregante. Estes traballos completaranse nas vindeiras semanas coa colocación dunha malla antiescorregante.
Canto á das Cascas, os labores consistiron na renovación da pasarela cunha serie de actuacións encamiñadas a subsanar os problemas que levaron á deterioración de elementos, para así evitar riscos de fallos estructurais de cara ao futuro. Substituíronse as pezas afectadas por outras de madeira tratada tanto nas varandas como nas vigas, nas travesas e no entaboado de tarima. Ademais, colocouse unha lámina bituminosa como barreira impermeable na unión entre o entaboado do chan e as travesas que o soportan. Tamén se mellorou a protección das vigas con cabezas ou remates de aluminio para evitar a súa deterioración; aplicouse un tratamento funxicida preventivo, específico para a madeira, e seláronse as fisuras e pequenas fendas con resinas ou masillas para exteriores nas pezas que eran reparables, sen necesidade de as substituír. A actuación incluíu tamén unha limpeza profunda da madeira e un selado de terminación.
A alcaldesa, María Barral, explicou que se trata dunha pasarela moi utilizada pero que pola súa ubicación sufriu danos en diferentes elementos, debido á acción da humidade acumulada. Esta situación provocou a aparición dunha podremia fúnxica activa na madeira, con afectacións que potenciaban as probabilidades de fallos estructurais. De aí que se decidise actuar sobre ela con labores de restauración para brindar un uso seguro, coa mesma sostibilidade e durabilidade.
Todos estes traballos están enmarcados nas actuacións de mantemento de espazos e equipamentos que segue levando a cabo o goberno local centraron nas últimas semanas en podas, desbroces, melloras das beirarrúas e da seguridade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e o acondicionamento de zonas infantiles.












