A campaña polo 8 de marzo do Concello de Betanzos céntrase este ano no traballo das mulleres no ámbito sociosanitario.

304

A programación da entidade local polo Mes da Muller ofrecerá unha serie de actividades para resaltar o papel das mulleres na nosa sociedade e poñer en valor os coidados, no seu sentido máis amplo, á vez que reinvindica o traballo das mulleres nas profesións sociosanitarias, as cales se encontran fortemente feminizadas.

Na primeira fin de semana de marzo, o venres 7 darase lectura ao Manifesto Institucional da man de María Barral, alcaldesa de Betanzos, e o sábado 8 desenvolverase o Roteiro Betanzos en Feminino, que partirá dende a Oficina de Turismo para ofrecer un percorrido histórico do legado das mulleres na vida da cidade.

A semana do 10 ao 16 de marzo estará ateigada de actividades, destacando Perrear con lentes violetas para público escolar, o comezo do ciclo de Obradoiros A saúde das mulleres, nos que se falará de ansiedade, coidado e autocoidado, maternidade e menopausia, e o Coloquio Unha parada no camiño. Revisión dos coidados, que terá lugar o venres 14 coa participación de entidades do ámbito sociosanitario.

O sábado 15 e o domingo 16 respectivamente, realizaranse a XIX Xuntanza de Labores Artesanais e o curso de defensa persoal no que se instruirá sobre o Método Más.

Na terceira semana de marzo aínda quedarán citas imprescindibles como a entrega do Distintivo Muller Emprendedora o venres 21, a representación teatral Feminíssimas o sábado 22, e a concesión do Premio Úrsula Meléndez de Texeda o domingo 23.

Completan a programación polo 8M os obradoiros Cambiando o conto que terán como público obxectivo a alumnado de primaria, os días 27 e 28, e outras actividades que o Concello de Betanzos desenvolverá en colaboración coa Deputación da Coruña dentro das súas políticas de igualdade.