A Policía Local detén a un individuo por roubo nun comercio da rúa Valdoncel e identifica a outros dous por outro presunto intento de roubo en vehículos da Tolerancia

252
Oficinas da policía local de Betanzos

A policía local detivo a S.M.R. de 28 anos de idade e veciño de Cambre por un delito de roubo con forza nun bazar de Betanzos. Os feitos ocorreron na noite do pasado día 26 cando a Policía Local estaba a sofocar un pequeno incendio nunha rede de protección dunhas estadas da rúa Valdoncel.

Nese momento, os axentes escoitaron un forte golpe nun edificio próximo, desprazándose ata o lugar. Atoparon no chan restos de cristais do escaparate e da porta de entrada, que estaba forzada. Nas inmediacións, unha macheta coa que posiblemente se forzou a porta.
Trátase dun baixo amplo polo que a Policía Local pediu o apoio de Garda Civil. Así efectivos dos dous corpos de seguridade accederon ao establecemento ata localizar, escondido detrás duns paquetes, ao autor do roubo con forza que portaba 70 euros e produtos do propio bazar.

Un día despois, o día 27, ás 2.00 horas, veciños da zona da Tolerancia advertiron á Policía Local da presenza de tres persoas tentando forzar vehículos. Esa mesma persoa chama por segunda vez á Policía para comunicar que se escapou ao ver que se aproximada o coche patrulla. Os axentes confirman que dous vehículos estacionados na zona foran forzados e estábaselles facendo “unha ponte” para o seu posterior roubo.

Policía Local e Garda Civil establecen un dispositivo de vixilancia que dá acaba coa localización de dúas persoas na rúa Salvador Cabeza de León cuxa descrición coincide coa que dera o veciño na chamada. Os dous son identificados e investígase agora a súa participación noutros feitos delituosos na zona.

Por último, dentro dos labores de vixilancia que está a efectuar a Policía Local tamén se abortou o roubo dun televisor de grandes dimensións, 100 polgadas, do instituto Francisco Aguiar. O roubo produciuse a media tarde e os autores do mesmo abandonaron o televisor, emprendendo a fuga ao detectar a presenza da Policía Local.