A Fundación do Globo de San Roque presentou o merchandising que venderá con motivo do 150 aniversario da elevación do globo de Claudino Pita Pandelo.
O obxectivo é dobre. Por unha banda, ter unha “recordo desta efeméride tan importante para os betanceiros; e por outra, axudar economicamente, coa súa compra, a apoiar actividades que a entidade desenvolva ao longo deste ano con motivo das celebracións do 150 aniversario. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, que tamén preside a propia Fundación, durante a presentación do material que se venderá na oficina de Turismo a partir deste próximo luns, en horario de 10.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 19.00 de luns a venres; e de 11.00 a 14.00 horas os sábados e domingos.
Todo o merchandising levará a imaxe do 150 aniversario. Haberá suadoiros, que custarán 20 euros; camisetas, 10 euros; cuncas cinco euros; abridores de botellas e llaveros a 2,5 euros; pulseiras a 1,5 euros; bolígrafos a 2 euros e abanicos a 4 euros.
A compra só se poderá facer con pago en efectivo, xa que a Fundación non dispón de TPV, e todo o recadado irá integramente como axuda á entidade, que só recibe nestes momentos axuda económica para a confección do Globo do día 16 do propio Concello.
Aínda que a venda dos produtos farase na Oficina de Turismo, en determinados días, voluntarios da Fundación abrirán un posto na praza García Irmáns e a maiores, calquera comercio que estea interesado en colaborar tamén poderá facelo. Para iso só ten que dirixirse nos próximos días á Oficina de Turismo.
Por outra banda, unhas 80 persoas inscribíronse para participar nas visitas para coñecer a elaboración e confección do Globo de San Roque. A iniciativa forma parte dos actos conmemorativos do 150 aniversario do Globo de San Roque de Claudino Pita. Precisamente, a Fundación Globo de San Roque foi a que decidiu abrir un prazo de presentación de solicitudes, a través do Concello, para que aquelas persoas, de calquera idade, que estivesen interesadas en participar na elaboración do Globo poderan inscribirse.
Agora organizaranse organizaranse os grupos de traballo que participarán no programa durante os meses de verán para que o Globo estea finalizado e listo para o seu lanzamento o 16 de agosto.











