A Igrexa recoñecerá o tramo Vilalba-Betanzos dentro do Camiño Norte orixinal

418

Os alcaldes de Xermade, Guitiriz, Aranga, Monfero, Irixoa e Paderne foron convocados pola alcaldesa de Betanzos, María Barral, para manter unha xuntanza o vindeiro sábado, día 9, sobre o Camiño Norte orixinal (tramo Vilalba-Betanzos) que un grupo de veciños e veciñas, encabezados polo arquiveiro-bibliotecario e director do Museo das Mariñas e do Anuario Brigantino, Alfredo Erias, reclama para que sexa “recoñecido como tramo integrante do Camiño Norte orixinal”. Ao encontro asistirá tamén o cóengo, anterior deán da Catedral de Santiago de Compostela e director da Oficina do Peregrino, Segundo Leonardo Pérez López, quen fará público o apoio da Igrexa neste recoñecemento.

Trátase dun paso previo para poder solicitarlle ao Xacobeo que inclúa este tramo nos seus mapas de peregrinaxe. A alcaldesa indicou que o que queremos e que a petición do Concello, xustificada documentalmente, e as reivindicacións do colectivo da veciñanza, agora a Xunta teña en conta este tramo e que, dunha vez por todas, tras anos de agarda desde que Betanzos o solicitou por primeira vez en 2009 e logo en Pleno en 2013, se inclúa nos mapas de peregrinaxe o tramo entre Vilalba e Betanzos, dentro do Camiño do Cantábrico”, explicou a alcaldesa.

Non se trata dunha cuestión política ou de buscar enfrontamento coa Xunta como “alguén insinuou”, senón de “pedir, con base a estudos realizados, algo que entendemos que para Betanzos é importante porque duplicaría os roteiros xacobeos e incrementaría, por tanto, o número de peregrinos e peregrinas na nosa cidade”.

A primeira edil destacou o traballo do director do Museo das Mariñas, Alfredo Erias, o labor de investigación e a quen “apoia esta petición como destacados políticos betanceiros como Antolín Sánchez Presedo ou Jaime Pita”.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela na firma declaración

Barral sostén que aínda que o número de peregrinos aumentou nos últimos anos potencialmente co Camiño Inglés, agás o pasado ano pola pandemia, a sinalización nos mapas oficiais deste roteiro posibilitaría a chegada de máis visitantes á cidade.

Lembrou que a pesar de que a petición foi trasladada, tras ser aprobada en Pleno, en 2009 e 2013, a día de hoxe “non hai comunicación ningunha por parte da administración autonómica. O Concello considera “incomprensible” que os mapas xacobeos non recollan o camiño de Vilalba a Betanzos tendo en conta que hai documentos históricos que certifican este roteiro. A Betanzos chegaban na Idade Media tres camiños, dous costeiros (un desde Sada e outro desde Ferrol) e o camiño do Cantábrico, desde Ribadeo, pasando por Vilalba, sobre unha vía romana. O costeiro de Ferrol, chamado do Camiño Inglés, e o da costa Cantábrica uníanse no Santuario da Nosa Señora ou dos Remedios, na entrada a Betanzos. É máis, como consecuencia de ser Betanzos paso de varios camiños xacobeos construíronse “a igrexa gótica (sobre unha románica) de Santiago, a matriz da cidade, e diversos hospitais de peregrinos ao longo da súa historia”.

Os alcaldes que asistiron á sinatura comprometéronse coa promoción do bo estado do tramo e a “promover as medidas necesarias para sinalizar e manter os camiños en bo estado, así como a atraer e acoller coa maior hospitalidade aos peregrinos e demais camiñantes”.

Para descargar a declaración das alcaldesas e dos alcaldes do tramo Vilalba – Betanzos do camiño Norte orixinal prema aquí

Con este fin os concellos procurarán recompilar de todas as entidades públicas e privadas con responsabilidades no ámbito o seu apoio. A Xunta de Galicia será unha das administracións ás que dirixirse para que culmine o proceso de recoñecemento oficial que garante a plena protección deste tramo Vilalba-Betanzos no contexto do Camiño Norte orixinal.

Cómpre destacar que recentes investigacións confirman que o Camiño Norte orixinal de peregrinación a Compostela viña, e vén, en paralelo ao mar Cantábrico e entrando por Galicia por Ribadeo, pasando por Mondoñedo, Vilalba e Betanzos.

Así, durante séculos, os peregrinos e as peregrinas deixaron a súa pegada nos concellos de Vilalba, Xermade, Guitiriz, Aranga, Monfero, Irixoa, Paderne e Betanzos. Atravesaban a Terra Chá ata a Serra da Loba e baixaban cara ás Mariñas. Este camiño conecta dúas vellas capitais do antigo Reino de Galicia: Mondoñedo e Betanzos.