A Policía Local cortará o tráfico en Cruz Verde hoxe, mércores, ata media tarde polas obras de mellora da praza de Doña Águeda

222

A Policía Local cortará hoxe mércores, día 22, a circulación na rúa Cruz Verde debido ás obras de mellora da praza de Doña Águeda. Aínda que están previstos cortes intermitentes de tráfico durante os traballos, durante a xornada de hoxe será preciso o corte total pola mañá e, en principio, ata media tarde, para facilitar as tarefas na praza.

Os vehículos que circulen desde a praza dos Ángeles cara a Cruz Verde serán desviados polos Soportais cara á praza García Naveira.

As obras da praza están incluídas nun programa provincial e contan cun investimento de máis de 190.000 euros. Trátase dun proxecto que se suma a outras actuacións en espazos públicos co que se pretende actuar de maneira integral sobre o deseño e a funcionalidade da praza, cun novo deseño do pavimento, un novo banco que delimitará a nova xeometría deste espazo e a reubicación do mobiliario urbano, eliminando as xardineiras fixas e dotando dun uso máis lóxico á superficie da praza, na que tamén se eliminarán os problemas actuais de recollida de augas pluviais.

Conseguirase, deste xeito, actualizar os acabados, resolver os problemas de impermeabilización cara á planta inferior que alberga as prazas de aparcadoiro das edificacións que rodean o propio espazo público e naturalizar as zonas de lecer, outorgando unha imaxe de coherencia a esta praza dentro do casco urbano.