O Concello comeza os traballos de mellora de infraestruturas, redes de servizos e pavimentación en Touriñao, un proxecto incluído nun plan provincial no que se investirán 196.000 euros.
As obras inclúen a mellora da rede de saneamento coas súas acometidas domiciliarias, a ampliación da beirarrúa e a renovación completa da pavimentación do núcleo, completándose coa sinalización horizontal e vertical.
Coincidindo cos traballos, os veciños da zona poderán conectarse á rede xeral de saneamento e abastecemento de auga. Para iso, deberán dirixirse ao Concello, tendo en conta que, unha vez rematadas as obras, non se permitirán actuacións durante un período de 5 anos que afecten á pavimentación ou ás redes executadas.
Isto implica que non se poderán realizar novas acometidas de saneamento, abastecemento, electricidade ou telecomunicacións nese tempo, polo que desde o Concello insístese na importancia de solicitar agora estas conexións.












