A Policía Local detecta unha festa ilegal de madrugada na discoteca Iris e identifica a sete persoas

644

A Policía Local de Betanzos identificou a sete persoas no interior da discoteca Iris, situada na rúa Rosalía de Castro, pasadas as 04.00 horas do domingo que participaban nunha festa ilegal. Entre elas estaba o propietario do establecemento.

 

 

Todos foron identificados e denunciados por infrinxir o toque de queda e, a maiores,  o propietario por incumprir os horarios e non facilitar a inspección do local e negarse a abrir unha das portas deste. A Policía Local formulou as respectivas denuncias administrativas.

Os feitos producíronse na madrugada do domingo despois de que un veciño da zona alertase sobre as 04.15 horas á Policía Local de que escoitaba música procedente dalgún establecemento hostaleiro. A patrulla da Policía Local acudiu á rúa e comprobou que o ruído procedía da discoteca Iris, cuxa porta exterior estaba aberta, mais non así a interior que se estaba pechada aínda que polos cristais desta podíanse ver escintileos de luces e escoitar música.

Ante esta situación, a Policía Local informou á Garda Civil que mandou á zona dúa patrullas, unha de Miño e outra de Sada. Os efectivos non puideron acceder ao interior ata que unha das persoas que estaban dentro se decatou da presenza dos axentes, aínda que, tardou máis de vinte minutos en abrir a porta, e resultou ser o propietario da discoteca.

Explicoulle aos axentes que só estaba el e un amigo e que pensaban que co volume no que tiñan a música non molestaban a ninguén. A Policía Local localizou efectos persoais doutras persoas polo que lle preguntou ao propietario onde estaban. A pesar de negar que houbese máis xente, os axentes inspeccionaron o local ata dar cunha porta que conecta cun patio traseiro do inmoble e que estaba pechada. Tras non facilitarlle o acceso a esta, e negar que que puidese abrirse, finalmente os axentes localizaron un xogo de chaves e unha delas abría a porta, e localizaron no patio exterior tres homes e dúas mulleres escondidas.

Todos eles foron identificados e tramitouse a correspondente denuncia.

Mozos e botellón

Por outra banda, os axentes da Policía Local inspeccionaron durante a fin de semana varias zonas de Betanzos para evitar concentracións de mozos e botellón. Entre os lugares nos que se detectou presenza está a praza Pepito Arriola, onde interveu a Policía.

Tamén se denunciou outro local de hostalaría na rúa Valdoncel en cuxo interior triplicaba a capacidade. A Policía Local desaloxou o establecemento e tramitou a correspondente denuncia.

Ademais, denunciouse a unha muller por fumar nunha terraza de hostalaría despois de advertirlle en dúas ocasións anteriores que non podía facelo por incumprir as medidas Covid.