O Concello realizará unha campaña informativa sobre os horarios e as liñas de transporte ante a “pasividade” da Xunta ante as queixas das persoas usuarias

427

O Concello reforzará a información para as persoas usuarias das liñas de transporte que pasan por Betanzos tras  a pasividade mostrada pola Xunta ante as queixas das propias persoas usuarias. “Imos informar nas marquesiñas sobre as liñas e horarios e nas redes sociais. Sabemos que é algo que non nos corresponde, mais tampouco podemos permitir que os usuarios sigan sen estar informados e que cada semana se reciban queixas do servizo sen que ninguén lles dea dunha solución”. Así o explicou hoxe a alcaldesa, María Barral, que mantivo unha reunión con representantes da empresa concesionaria do servizo a quen lles trasladou as “deficiencias” que as persoas usuarias detectaron e ás que, de momento, tampouco se lles deu solución.

O Concello recibira nas  últimas semanas queixas por cambios nos horarios dos que non foron informados “con antelación as persoas usuarias do servizo” e mesmo, nalgunhas ocasións, “denunciaron que non pasara o autobús”. Tamén se están atrasando as saídas desde A Coruña, algunhas en máis de media hora xa que algúns servizos, segundo apuntan os propios usuarios, os realiza o mesmo condutor polo que, dependendo da situación do tráfico, non se están cumprindo os horarios fixados para as chegadas e saídas.

Sobre esta situación, o problema reside en que antes Betanzos era punto de partida ou destino e agora é un punto de paso polo que as frecuencias non se cumpren ao acumular atrasos. “Os autobuses non están a pasar ás horas que lle corresponden e isto fai que as persoas usuarias non saiban se xa pasou ou se pasará”, o que reflicte que “pasamos de ter un servizo aceptable ou óptimo a, tras esta nova concesión, dispor dun servizo deficitario en moitos aspectos, moitos dos cales, tras a reunión coa empresa, tampouco podemos dicir que sexan culpa dela ao 100%, xa que está a cumprir os pregos de concesión. Visto o visto, quizá as condicións que se esixen non sexan as máis adecuadas”.

A primeira edil lamenta que o que tería que ser unha mellora do servizo “se convertese nun paso atrás, cando os concellos temos que seguir achegando, ademais, unha parte moi importante do noso orzamento para este servizo”.

A alcaldesa instou á empresa a que se reforce a limpeza dos autobuses despois de que tamén esa circunstancia fose outra das queixas presentadas polas persoas usuarias.