Melloras no cemiterio municipal; en parques infantís, e pavimentacións en núcleos rurais. Eses serán os proxectos que executará o goberno local dentro do Plan de Obras e Servizos da Deputación, proxectos que van en liña cos programas de mellora de equipamentos públicos que o Concello pretende desenvolver non só a través dos plans provinciais senón tamén con fondos propios e buscando colaboracións con outras administracións.
A alcaldesa, María Barral, indicou que unha das obras de maior investimento no POS será a mellora da cuberta da segunda fase dos nichos do cemiterio. Segundo os informes técnicos, trátase dunha zona na que é necesario acometer a reforma ante a deterioración das cubertas. O proxecto conta cun orzamento de 170.000 euros. A intención do goberno local é afrontar esta actuación e, unha vez executada, programar unha segunda fase similar noutras zonas do camposanto.
Outro dos proxectos incluídos no POS é a renovación do parque infantil de Pintor Seijo Rubio onde está previsto un investimento de 125.000 euros. Un proxecto que se enmarca dentro da renovación das zonas infantís nas que están previstas tamén actuacións no parque de As Donas, na Condesa, e a renovación dos xogos infantís na propia urbanización dentro de este mesmo plan como accións “complementarias”.
Ademais destes parques, está previsto a curto prazo a renovación do parque da Ribeira e Viuxe. Nos últimos meses tamén se renovou o parque infantil do Carregal, nas inmediacións da piscina municipal. A alcaldesa explicou que nestes momentos están a manterse reunións de traballo con outras administracións para impulsar a reforma do parque infantil do Pasatempo.
En canto a pavimentacións, o goberno local pretende mellorar os núcleos de Touriñao de Arriba e Touriñao de Abaixo nun investimento de 196.000 euros. Con esta pavimentación o Concello completa a mellora de todos os núcleos rurais. O resto do plan provincial, uns 170.000 euros, serán destinados a gasto corrente.
María Barral indicou que todos estes proxectos forman parte dos equipamentos que o goberno local pretende impulsar nos que tamén figuran os de carácter deportivo, coa construción do skate praza, un circuíto de pump track ou un novo pavillón deportivo, expostos á Xunta.










