O concelleiro de Formación, Ricardo Cheda, clausurou o pasado mércores 2 de outubro, xunto coa delegada da Xunta, Belén do Campo; os alcaldes de Paderne e Coirós, Sergio Platas e Francisco Quintela, e representantes do Concello de Abegondo, o obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil, “Coidados na Dependencia”, promovido polos catro concellos e que contou coa participación de 16 alumnos/as.
As clases impartíronse ao longo dun ano. Durante este tempo impartíronse dous certificados de profesionalidade: – Atención sociosanitaria no domicilio e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, ademais de recibir formación transversal en materias de igualdade de xénero, de prevención de riscos laborais, medio ambiente, orientación laboral, etc).
Unha vez impartidos os módulos teóricos, o alumnado realizou prácticas titorizadas en varios centros colaboradores durante 5 meses: Centro Pai Menni. Residencia García Irmáns. Aspronaga, Aspace e no Servizo de Axuda non Fogar do Concello de Betanzos.
O concelleiro de Formación destacou a importancia destes obradoiros ante a demanda que existe nestas especialidades. Froito diso, indicou, “algúns dos alumnos e alumnas xa teñen ofertas de traballo, polo que se prevé unha alta inserción laboral nas vindeiras semanas”. Neste sentido, indicou que tendo en conta os datos de cursos anteriores, prevese que “practicamente todo ou alumnado estea traballando en postos relacionados coa atención sociosanitaria”











