Betanzos homenaxea o seu produto “estrela” nunha nova Semana da Tortilla, que este ano se celebrará do 4 ao 13 de outubro

582
A alcaldesa María Barral e a concelleira de Comercio e hostalaría Ángeles Veiga xunto aos hostaleiros particiantes na praza Irmáns García Naveira

O Concello de Betanzos volve apostar pola promoción do seu produto estrela: a tortilla. Será a través da súa Semana da Tortilla que este ano cumpre a súa XV edición e celebrarase do 4 ao 13 de outubro coa participación de 19 locais.

O Concello volverá organizar o certame con catas a cegas para escoller tanto o local gañador, o domingo día 13, como aos cinco locais que se clasifiquen para a final. É dicir, en lugar de probar a tortilla en cada un dos establecementos participantes, serán os hostaleiros e as hostaleiras que lla trasladen ao Liceo para ser degustada polo xurado sen saber o nome do local onde se fixo.

Desa cata, que se celebrará durante a próxima semana, sairán os cinco finalistas para o domingo día 13 que serán valoradas por un xurado profesional que elixirá  a mellor tortilla de Betanzos. O prezo, do mesmo xeito que a porción de tortilla que se ofrecerá en cada tapa, está recollido nas bases da organización, e será de 2,5 euros.

Os locais participantes na Semana da Tortilla terán un cartel identificativo. A tortilla servirase entre as 12:00 h e as 15:00 h pola mañá e as 20:00 h e as 22:00 h, agás os venres e os sábados, nos que o horario será de 20:00 h a 23:00 h, aínda que un gran número de establecementos ampliarán este horario.

Para descargar as bases da XIV edición da “semana da tortilla de Betanzos” prema aquí

As persoas que proben a tortilla en cinco locais diferentes entrarán este ano de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos “Restaurantes da Biosfera”, certificados no ano 2019 na Marca de Calidade. Para iso, as persoas participantes participantes poderán entregar o cupón  cos cinco selos dos locais participantes en calquera dos establecementos.

O sorteo terá lugar o próximo 17 de outubro ás 13:00 h no Salón Azul do edificio Arquivo. Ademais nese mesmo cupón poderase votar pola mellor tortilla. A que máis votos reciba será a gañadora na categoría de PREMIO POPULAR.

Tamén haberá un concurso a través das redes sociais de Betanzos Tan Cerca, en Twitter @BetanzosCerca, en Facebook www.facebook.com/BetanzosTanCerca e en Instagram @betanzostancerca.

Os locais participantes son: Feito con xeito, Cova do Frade, Adega Lastras, QueiQue Coffee & Mor, Café Segundo, Cervexería Yocri, Tapería Capricho, Mesón Avenida, El Plaza, Bar Restaurante Ternera Grill, Xamonería “El Ibérico”, Restaurante Casanova,  Bar Galicia, Vinoteca Versalles, Bar Butako, Bar O Rabel, La Travesía, O Noso Recuncho e Mesón O Progreso.

SEMANA DA TORTILLA
PRESENTACION
3-outubro-2024

Para descargar o díptico coas bases do concurso redes sociais, plano de ubicación, locais participantes e cupón votación premio popular prema aqui

Concurso de “Tortilla Caseira”

Tamén se celebrará o concurso de “Tortilla Caseira” para que a Semana da Tortilla “non só conte con profesionais senón que sexa unha festa e unha celebración na que participen cantos máis veciños/as mellor”. No concurso poderán participar maiores de 18 anos empadroados/as en Betanzos.

A persoa gañadora da “Mellor tortilla caseira de Betanzos” escollerase da seguinte maneira: As persoas participantes, rexistradas para o concurso, acudirán o día 12 de outubro ás 12:00 h ao Salón azul do Edificio Arquivo cunha tortilla enteira que teña como mínimo de 18 cms. No momento da entrega asignarase un número a cada unha das tortillas participantes segundo a orde de chegada.

Un xurado catará e puntuará de 1 a 5 cada tortilla sen coñecer a quen pertence cada unha delas. A suma da puntuación dos membros do xurado dará lugar á tortilla gañadora, á segunda e á terceira clasificada. O xurado cualificará as tortillas con base a criterios de imparcialidade, obxectividade e plena igualdade das persoas participantes, e valorará, dentro dos criterios de obxectividade, que reúna as características propias da tortilla de Betanzos, é dicir, que sexa unha tortilla zumarenta e elaborada exclusivamente con patacas, ovos, aceite e sal.

Haberá tres premios. O 1.º premio de “Mellor tortilla caseira 2024”, composto por un trofeo conmemorativo e un lote de produtos do patrocinador “Aceites Abril” e do Concello, un segundo e terceiro premio cun lote de produtos do patrocinador e do Concello.

Para descargar as bases do concurso “III edición da semana da tortilla de Betanzos, mellor tortilla caseira” prema aquí