As obras para evitar as inundacións na Ribeira incluirán a construción dun novo colector para a recollida de pluviais e válvulas que eviten a entrada da auga do río cando suba a marea

1084

O Concello acaba de recibir o estudo previo á execución das obras de mellora na N-651, na Ribeira.

O documento recolle os traballos que levará a cabo o Ministerio de Fomento co obxectivo de minimizar os efectos das mareas e evitar, na medida do posible, as inundacións que desde hai anos afectan á N-651, segundo explicou hoxe o alcalde, Ramón García Vázquez. A actuación será executada por Fomento a través dun procedemento administrativo de carácter urxente cun investimento inicial próximo ao millón de euros. Entre as obras que se executarán contémplase un novo colector para a recollida de augas pluviais ao longo do Malecón, nun tramo de máis de medio quilómetro de lonxitude; e a instalación de válvulas que eviten a entrada da auga do río cando suba a marea.

Os traballos, segundo indicou o primeiro edil, contemplan varias actuacións. A primeira consistirá no peche do muro do Malecón. Pecharase nas zonas de escaleiras nas que actualmente está interrompido para permitir o acceso ás embarcacións, dándolle así continuidade en cota cos tramos adxacentes. Para permitir o acceso ás escaleiras construiranse catro banzos a cada lado do murete, salvando a altura do muro e desta forma impedir a entrada de auga cando o nivel do río se sitúe por riba da cota 3,21.

A segunda centrarase na rede de drenaxe e levará aparellada diversos traballos. Para evitar a entrada de auga de mar a través da rede actual e conducir as augas de choiva ao pozo de bombeo durante os períodos de mareas altas será preciso construír unha rede de drenaxe complementaria á existente na actualidade que estará formada por diversos elementos:

Colector existente. Colocaranse válvulas-clapetas anti retorno nos desaugadoiros do colector existentes ao río para evitar a entrada de auga nos períodos de mareas altas ou crecidas do río Mandeo.

Renovarase a rede de recollida de pluviais da marxe exterior do Malecón, que recolle basicamente as augas do aparcadoiro en liña existente, construíndo un caz de formigón con novos sumidoiros que terán saída ao río mediante colector que terá, á súa vez, unha clapeta (válvula) que evite a entrada da auga do Mandeo en época de mareas altas ou crecidas.

Rede de sumidoiros e marxe interior. Renovarase a rede de sumidoiros da marxe interior da calzada para substituír os existentes que en numerosos casos están en mal estado e noutros son ineficaces. Colocaranse válvulas antiretorno.

Colector pozo de bombeo. Construirase un novo colector paralelo ao existente que se encargará de conducir as augas de choiva ao pozo de bombeo que funcionará de telemática e cun xerador de apoio en épocas de niveis elevados no río Mandeo cando as cotas do río impidan o desaugadoiro dos colectores de augas pluviais. Este colector terá unha lonxitude de 582 metros e de 600 mm.