O Concello de Betanzos executa os traballos de mellora de infraestruturas, redes de servizos e pavimentación no núcleo de Touriñao, unha actuación incluída nun plan provincial que supón un investimento de 196.000 euros.
As obras comprenden a renovación da rede de saneamento e das acometidas domiciliarias, a ampliación da beirarrúa existente para mellorar a seguridade peonil e a renovación integral da pavimentación do núcleo. A actuación completarase coa correspondente sinalización horizontal e vertical.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, visitou a zona para comprobar o avance dos traballos e destacou a importancia desta intervención para continuar mellorando os servizos básicos e as infraestruturas dos núcleos rurais do municipio.
Barral sinalou que a actuación forma parte dunha estratexia máis ampla de mellora desta zona do municipio e avanzou que proximamente se acometerán novos investimentos na contorna. Entre eles destacou a mellora do camiño da Lanza e o acondicionamento da explanada próxima á igrexa de San Martiño, actuacións coas que se pretende seguir reforzando a calidade dos espazos públicos.
A alcaldesa subliñou o compromiso do goberno local coa mellora continua das infraestruturas municipais, especialmente no ámbito rural, co obxectivo de garantir uns servizos axeitados e atender as demandas da cidadanía.











