Barral destaca o recoñecemento do Goberno á betanceira Dolores Vázquez pola súa loita pola xustiza, a dignidade e a igualdade.

251
A alcaldesa de Betanzos, entregáballe a Dolores Vázquez o Premio Úrsula Meléndez de Texeda 2025

A alcaldesa de Betanzos, María Barral,  amosou a súa satisfacción polo recoñecemento que recibirá a betanceira Dolores Vázquez o vindeiro 27 de abril en Madrid, onde será distinguida coa Medalla á Promoción dos Valores de Igualdade á Muller, nun acto organizado polo Ministerio de Igualdade. “É un recoñecemento máis que merecido a unha muller que simboliza a loita pola xustiza, a dignidade e a igualdade”.

A alcaldesa de Betanzos, quen confirmou a súa asistencia ao acto,  quixo destacar a relevancia deste galardón, lembrando que “hai pouco máis dun ano, en marzo de 2025, o noso Concello entregáballe a Dolores Vázquez o Premio Úrsula Meléndez de Texeda, a maior distinción en materia de igualdade que outorga Betanzos. Aquel día foi especialmente emotivo, e as súas palabras, afirmando que non gardaba rencor pero que desexaba o perdón que este país lle debe, fixéronnos reflexionar profundamente”.

Neste sentido, a rexedora explicou que  “a partir dese momento dende o Concello comenzamos a traballar, a mover conciencias e a reclamar que ese perdón chegase dalgún xeito. Hoxe, pouco máis dun ano despois, podemos dicir que o recoñecemento do Ministerio supón un paso importante”.

A alcaldesa lembrou tamén a dureza da situación vivida por Dolores Vázquez: “Non podemos esquecer que estivo no cárcere, condenada sen probas por un xurado popular, nun contexto de enorme presión mediática, ata que finalmente se atopou ao verdadeiro culpable do asasinato de Rocío Wanninkhof. Foi unha inxustiza que marcou a súa vida”.

Así mesmo, incidiu en que “Dolores Vázquez non recibiu ningún tipo de indemnización, nin material nin moral, algo que como sociedade debemos ter moi presente. Este recoñecemento é, en parte, un acto simbólico de restitución da súa honorabilidade, tal e como ela mesma expresou en Betanzos”.

Finalmente, a alcaldesa manifestou a súa satisfacción: “Estamos moi  contentos por ela, porque cremos firmemente que o merece. Pero tamén queremos ser claros: este país aínda lle debe algo máis. Eu, que son insistente, creo que o Goberno de España, que ten demostrado sensibilidade, debe ir un paso máis alá e ofrecer ese perdón pleno que aínda está pendente”.