Betanzos esixe á Xunta solucións “urxentes” aos graves problemas do transporte público, especialmente nas conexións con A Coruña

410

O Concello de Betanzos reclama á Xunta de Galicia solucións inmediatas ante os graves problemas diarios no transporte público, especialmente nas conexións con A Coruña. As incidencias non só afectan ao primeiro anel da área metropolitana, senón tamén ao segundo, onde as conexións seguen a presentar deficiencias constantes.

Entre os principais problemas destacan a falta de información sobre horarios, a incerteza sobre o paso dos autobuses, os retrasos continuos e, incluso, situacións nas que o autobús nin sequera aparece na parada, deixando ás persoas usuarias sen servizo e sen ningunha explicación.

A alcaldesa, María Barral, expresou o malestar do Concello e da veciñanza, denunciando que, a pesar dos intentos de contacto coa empresa, as persoas usuarias non recibiron información. Por iso, o Concello trasladou a situación á Dirección Xeral de Mobilidade para esixir melloras urxentes no servizo.

Barral solicitou tamén unha nova reunión de seguimento, como as realizadas cos municipios do primeiro anel, subliñando que é imprescindible actuar con rapidez, xa que “pasan os meses sen solucións”. Ademais, lembrou que os concellos están a asumir importantes custos económicos, polo que non poden ser “meros convidados de pedra”.

A alcaldesa recordou tamén o compromiso incumprido da Xunta de instalar paneis informativos nas marquesiñas, que permitan coñecer os horarios reais de paso dos autobuses, unha medida considerada indispensable ante a actual falta de información.

Por último, incidiu na necesidade de incrementar o número de autobuses en determinadas franxas horarias, xa que moitos chegan con poucas prazas libres, deixando persoas en terra. “É intolerable”, concluíu.