Barral propón á Xunta a construción dun novo pavillón cuberto no Carregal

788

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, mantivo unha xuntanza co secretario xeral para o Deporte, Roberto García, para trasladarlle diversas necesidades do municipio en materia deportiva.

Entre elas, a rexedora destacou a construción dun novo pavillón municipal cuberto anexo ao actual complexo do Carregal, unha demanda histórica do Concello para ampliar os equipamentos deportivos e dar resposta ao crecemento da actividade.

Barral explicou que o responsable autonómico coñece de primeira man a realidade deportiva da cidade e as necesidades existentes, cun elevado número de clubs federados e escolas deportivas, o que fai necesario incrementar o número de instalacións dispoñibles. Aínda que actualmente se está a mellorar o pavillón do colexio Vales Villamarín mediante un acordo entre administracións, esta actuación resulta insuficiente para cubrir a demanda.

Durante a reunión, ambas partes acordaron traballar conxuntamente nun proxecto a medio prazo que permita mellorar os equipamentos deportivos do municipio e atender as necesidades actuais.

Tras este encontro, o Concello encargará unha memoria técnica para a construción dun novo pavillón anexo ao José María Valeiro Iglesias “Tocayo”, situado no Carregal, ocupando parte das actuais pistas polideportivas cubertas. Segundo indicou a alcaldesa, o proxecto desenvolverase coa colaboración entre a Xunta e o Concello.

Barral lembrou que durante anos Betanzos non recibiu investimentos suficientes en infraestruturas deportivas, a pesar das demandas existentes, e destacou a boa disposición da Xunta para estudar a viabilidade da iniciativa.

Ademais, a alcaldesa puxo en valor o esforzo municipal para seguir mellorando a zona deportiva do Carregal, onde, xunto ao pavillón e á piscina —para a que xa se prepara un proxecto de mellora—, está prevista a construción dun pump track, unha pista de pádel e outra de petanca, atendendo así ás peticións de distintos colectivos.