Á mellora da Fonte da Diana Cazadora súmanse agora distintas actuacións no mesmo ámbito da praza García Naveira, centradas na iluminación dos Soportais e na instalación de novos sistemas de iluminación e sinalización intelixente en varios pasos de peóns.
Os traballos, que comezaron hai uns días, inclúen unha nova iluminación interior dos Soportais con luminarias de tecnoloxía LED, que permitirá optimizar a calidade da luz nun espazo que ata o de agora non contaba cunha iluminación acorde coa súa beleza e riqueza histórica. Ademais, esta actuación contribuirá a incrementar a sensación de seguridade para os peóns.
Tamén se instalarán puntos de iluminación exterior que poñerán en valor os característicos arcos de pedra da praza.
Na mesma zona levarase a cabo a mellora dos bancos de madeira situados ao longo das terrazas de hostalaría.
No que respecta aos pasos de peóns, prevese a creación dun novo paso na avenida de Castela e o traslado do paso existente no cruzamento dos Ánxeles, que será desprazado uns metros cara á Fonte da Diana Cazadora para reforzar a seguridade.
Ademais, nalgúns pasos do contorno da praza instalaranse destelladores secuenciais verticais, sensores de presenza e luminarias LED de alta potencia, un sistema que permitirá advertir da presenza de peóns e mellorar a visibilidade, especialmente durante a noite ou en condicións meteorolóxicas adversas.












