O Concello abrirá o vindeiro mércores, 1 de xullo, a piscina municipal descuberta, que prestará servizo de baño durante os meses de xullo e agosto. No caso de que o bo tempo continúe durante o mes de setembro, as instalacións permanecerán abertas ata o inicio do curso escolar.
O horario de funcionamento será de 12.00 a 20.00 horas, de luns a domingo. O acceso ás instalacións terá un prezo de 1 euro para os menores de 18 anos e de 2 euros para as persoas adultas, ata completar a capacidade máxima.
A apertura da piscina forma parte da programación de lecer estival organizada polo Concello, que tamén inclúe actividades deportivas e culturais para todas as idades.
Coincidindo co inicio do verán, o Concello puxo tamén en marcha os campamentos municipais, nos que este ano participarán un total de 180 rapaces e rapazas, tras ampliar tanto o número de prazas como o horario, que será de 08.00 a 15.00 horas. Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno local por seguir avanzando nas políticas municipais de conciliación da vida familiar e laboral e de igualdade.
Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, nados entre os anos 2014 e 2022, desenvólvense no Aulario de Infantil do CEIP Francisco Vales Villamarín.
A actividade estrutúrase en tres quendas e prolongarase ata o vindeiro 14 de agosto a través do programa municipal Concilia. Durante este tempo, os participantes combinarán actividades deportivas, artísticas, musicais, de danza e audiovisuais con propostas innovadoras, como a creación dunha televisión local na que elaborarán contidos semanais, así como dun blogue dirixido ás familias.
Ademais, diferentes entidades visitarán o campamento para sensibilizar á rapazada sobre cuestións como o coidado do medio ambiente, a seguridade viaria ou para achegalos ao mundo do teatro e da danza.
Ao longo do verán tamén realizarán diversas saídas, tanto dentro do municipio —ao Museo das Mariñas, á igrexa de San Francisco ou ao Parque do Pasatempo, entre outros espazos— como fóra da localidade, visitando parques naturais, praias da comarca das Mariñas e outros lugares de interese, entre os que destaca a explotación ecolóxica Orballo, dedicada ao cultivo do té e doutras plantas aromáticas.
En canto ás quendas, a primeira desenvolverase ata o 10 de xullo; a segunda, do 13 ao 31 de xullo; e a terceira, do 3 ao 14 de agosto. En cada unha delas ofértanse ata 60 prazas.












