
“Betanzos é máis”. Este é o lema da nova campaña de turismo do Concello presentada na caseta de Turespaña pola alcaldesa, María Barral, na que se mostran as riquezas de Betanzos en todos os ámbitos: cultural, gastronómico, patrimonial, medio ambiental, histórico e festivo. A primeira edil presentou a campaña ante touroperadores de turismo e representantes institucionais; entre eles, o ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu.
A primeira edil expresou o seu agradecemento a Turespaña e á Secretaría de Estado de Turismo por “brindarnos a oportunidade de presentar aquí a nosa nova campaña de promoción turística nunha das principais casetas desta feira”. Sinalou que se trata dunha “oportunidade que valoramos especialmente, porque nos permite mostrar Betanzos nun escaparate de primeiro nivel, como merece unha cidade cunha historia, unha identidade e unha relevancia turística amplamente contrastadas. E facémolo aquí, lamentablemente, cando non podemos facelo na caseta da nosa propia comunidade autónoma, un espazo no que Betanzos, por historia, por importancia e por peso como destino turístico, debería ter presenza”.
Explicou que Betanzos volveu a Fitur “con orgullo, con ambición e cunha mensaxe clara. Estar presentes na feira internacional de turismo máis importante do mundo non é só unha oportunidade de promoción; é, sobre todo, unha declaración de intencións”. Betanzos volve un ano máis a Fitur “cunha mensaxe clara, firme e profundamente sentida. Unha mensaxe que nace do orgullo, pero tamén do traballo constante, da planificación e do compromiso cun modelo de cidade que aposta decididamente polo turismo como motor de desenvolvemento económico, social e cultural”.
María Barral indicou que a nova campaña de promoción turística e o novo lema “resume o que somos e cara a onde queremos ir, ‘Betanzos é máis’. E non é un slogan baleiro. É unha afirmación. É unha convicción. É o resultado dunha historia compartida e dun proxecto colectivo. Betanzos é máis porque é moito máis que un destino ao que vir un día. É unha cidade para quedar, para volver, para recomendar”.
Na súa elocución indicou que Betanzos é máis que gastronomía. “Porque si, en Betanzos faise a mellor tortilla do mundo, e dicímolo con orgullo. Pero Betanzos é tamén produto local, comercio de proximidade, hostalería comprometida e unha economía que pon ás persoas no centro”.
E engadiu:
É máis que patrimonio. É un centro histórico declarado Ben de Interese Cultural que estamos a coidar, rehabilitar e humanizar. É a capital do gótico galego, con igrexas que non só falan de pedra e arte, senón de identidade e memoria: Santiago, San Francisco, Santa María do Azougue.
É máis que pasado. É unha das antigas capitais do Reino de Galicia, si, pero é tamén unha cidade que encara o presente con decisión e mira o futuro con ambición.
É máis que natureza. É vivir entre ríos, o Mendo e o Mandeo, e xunto á ría. É apostar por unha contorna privilexiada como parte esencial da nosa oferta turística e da nosa calidade de vida.
É máis que festas. Dunhas festas patronais declaradas de Interese Turístico Nacional, que en Betanzos son moito máis que un calendario ou un programa de actos. Son emoción compartida. Son memoria. Son identidade.
E se hai un símbolo que o representa todo, ese é o Globo de San Roque.
O globo de papel máis grande do mundo, que cada noite do 16 de agosto se eleva desde a praza García Naveira e fai que Betanzos, literalmente, toque o ceo.
Falar do Globo non é falar só dun espectáculo único.
É falar de sentimentos, de ilusión, de alegría, de nervios contidos, de emoción que se herda de pais a fillos.
O Globo é orgullo. Orgullo de ter algo único no mundo.
Orgullo dunha tradición que se mantén viva desde 1875, xeración tras xeración, co mesmo coidado, o mesmo respecto e a mesma paixón.
Durante uns minutos, cando ese xigante de papel de máis de 25 metros de altura comeza a elevarse, Betanzos detense. Non hai diferenzas, non hai présas, non hai ruído. Só miradas ao ceo e un sentimento compartido que nos une como pobo.
É un símbolo da nosa historia, da nosa capacidade de conservar o que somos e de proxectalo cara ao futuro.
María Barral referiuse tamén ás danzas medievais e á feira:
Betanzos é máis que medievo. É máis que contar cunha das Feiras Medievais referentes en Galicia. Betanzos é máis que unha das Semanas Santas máis recoñecidas polo seu valor cultural e patrimonial. É máis que tradición. Máis que contar cunhas danzas medievais únicas en Galicia e España. Expresións culturais que non se musealizaron, senón que seguen vivas, transmitidas de xeración en xeración.
É máis que cultura.
É o Pasatempo, un parque enciclopédico único no mundo, cuxa recuperación é unha prioridade e unha débeda histórica que estamos a saldar.
É contar coa farmacia máis antiga de España en funcionamento. Coa entidade bancaria máis antiga do país. Ou co cinema máis antigo de España que segue proxectando historias.
A alcaldesa concluíu que “Todo isto é Betanzos. E por iso dicimos que Betanzos é máis. Que Betanzos é todo isto e moito máis. Máis que un conxunto de recursos. Máis que unha postal bonita. Máis que unha visita rápida. É unha cidade acolledora, auténtica, humana. Unha cidade que soubo resistir, adaptarse e avanzar. Unha cidade que cre no turismo como unha ferramenta para xerar oportunidades, emprego, actividade económica e orgullo colectivo.”
Explicou que a campaña non nace da casualidade, senón que nace dunha estratexia clara e sostida no tempo: “dunha aposta firme pola promoción, pola calidade e por poñer en valor aquilo que nos fai diferentes. O vídeo recolle imaxes, emocións e experiencias. Pero, sobre todo, lanza unha invitación sincera: a vir a Betanzos; a descubrir Betanzos. A vivir Betanzos, porque Betanzos é todo isto e moito máis”.
A alcaldesa concluíu cunha invitación a visitar a cidade:
Betanzos é historia, é patrimonio, é tradición, é gastronomía, é natureza… Pero, sobre todo, Betanzos é emoción. É unha cidade que se descobre paseando amodo, sen présa. Unha cidade para perderse polas súas rúas empedradas, para deterse nas súas prazas, para asomarse aos seus balcóns, para escoitar as súas campás e sentir que o tempo, en Betanzos, ten outro ritmo. Por iso, desde aquí, quero facerlles unha invitación moi clara e moi sincera: veñan a Betanzos. Veñan visitarnos, pero tamén queden. Queden a gozar dos nosos recunchos, da nosa hostalería, do noso comercio próximo, da nosa forma de acoller. Queden a compartir mesa, conversación e experiencia coa nosa xente. Descubran o noso patrimonio, o noso Pasatempo, os nosos ríos, as nosas festas, as nosas tradicións. Vivan Betanzos no verán, no inverno, nunha festa ou nun día calquera. Porque Betanzos non se esgota nunha visita, Betanzos gózase con calma. Quen vén, repite. E as persoas que repiten, convértense nas nosas mellores embaixadoras.
Concluíu dicindo que “hoxe mostramos unha parte do que somos. O resto, o mellor, gardámolo para cando nos visiten. Porque Betanzos é máis. Moito máis do que se pode contar nun vídeo. Moito máis do que se pode explicar nun discurso. Vémonos en Betanzos”.










