Betanzos aproba destinar 70.000 euros do POS social ao programa de apoio para o pago de vivenda, tanto hipoteca como alugueiro.

344

O Concello aprobou en Pleno a proposta do goberno local de destinar o POS social, uns 70.000 euros, ao programa de axudas de apoio para o pago da vivenda habitual, tanto a persoas inquilinas dun contrato de alugueiro ou dun préstamo hipotecario.

Trátase dun programa de axuda social que o Concello iniciou xa pola afectación da Covid en familias do municipio e ao que lla deu continuidade nos anos posteriores. En total destinaranse uns  70.000 euros en axudas. O programa de axudas conta coa participación do Concello e da Deputación.

O plan ten como obxectivo contribuír a minimizar o impacto económico e social nas familias máis vulnerables. As axudas enmárcanse no Plan Provincial POS+ADICIONAL impulsado polo Concello e a Deputación.

No caso das axudas de vivenda, poderán ser beneficiarias  as persoas titulares dun contrato de alugueiro ou dun préstamo hipotecario dunha vivenda situada no Concello; que a vivenda constitúa a súa residencia habitual, así como da súa unidade de convivencia.

Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes deben constar empadroadas na vivenda cunha antigüidade mínima de seis meses; estar en situación de vulnerabilidade económica considerando isto cando o conxunto dos ingresos  dos membros da unidade de convivencia non superen, con carácter xeral, as cantidades fixadas cando se convoquen as axudas.

Terán maiores vantaxes os grupos de familias de especial consideración: familias numerosas, familias monoparentais, familias con persoas maiores ao cargo, familias con persoas con discapacidade ao cargo, familias acolledoras e familias vítimas de violencia de xénero.