Betanzos mantense como referente turístico da provincia por detrás de Santiago e A Coruña. Así se demostra no balance turístico realizado desde a Oficina Municipal de Turismo en relación a 2024 onde se pon de relevancia o papel de Betanzos como destino de turismo nacional, localizado entre os meses de abril e novembro.
As estatísticas municipais sobre consultas realizadas na Oficina de Turismo reflicten non o número de turistas que se pasaron durante estes meses por Betanzos (xa que moitos deles non acoden á Oficina e por tanto é imposible rexistralos) senón unha tendencia en canto á época do ano que elixen visitar Betanzos e a súa orixe.
Neste sentido, o turista nacional segue sendo a base do turismo de Betanzos, duplicando en canto ao número ao estranxeiro, que coñece Betanzos a través dos cruceiros e do Camiño de Santiago, especialmente.
En canto ao turismo de orixe nacional, Madrid segue sendo, con diferenza, a comunidade que máis se interesa por Betanzos e, en concreto, polo centro histórico e a gastronomía, cun mes de xullo que sobresae por encima do resto do ano, onde agosto, xuño e setembro, por esa orde, tamén acaparan a atención dos visitantes.
Tras Madrid, sitúase Andalucía, Castela León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Castela A Mancha e País Vasco.
A nivel internacional, Reino Unido é tamén con diferenza o país de orixe de turistas que pasan por Betanzos, seguido de Alemaña, Estados Unidos, Italia, Francia e Portugal.
Por outra banda, do total de turismo que recibe Betanzos ao longo do ano, o 15% é da propia comunidade. A provincia da Coruña é a que máis se interesa por Betanzos seguida de Pontevedra.
O informe revela tamén a importancia do turismo de grupos, que cada vez ten un maior protagonismo na cidade. Turismo que se reforza coas accións e contactos que se realizan con distintos operadores de turismo en feiras como a de Fitur.
A maiores, o departamento organizou 39 visitas guiadas á cidade, Pasatempo e Museo dás Mariñas nas que participaron preto de 1500 persoas, a maiores do programa de rutas que organiza o Concello como o Betanzos Monumental, Modernismo, Museo dás Mariñas; Viño, santuarios e ríos; Betanzos en feminino; Betanzos na mirada dos artistas, ou a embarcación municipal polo Mandeo nas que participaron máis de 1700 persoas.
Fitur
A alcaldesa, María Barral, presentou este balance coincidindo cos preparativos da Feira Internacional de Turismo de Madrid na que Betanzos volverá ter un papel significativo con exposicións na caseta de Galicia xunto á Reserva da Biosfera mariñas coruñesas e terras do mandeo; e na caseta de Turespaña, do Goberno, no que presentará a súa campaña de promoción de 2025. Barral indicou que as accións de promoción fará especial mención ao Globo de San Roque, no 150 aniversario; sen esquecer a gastronomía, coa tortilla; a historia a través do centro histórico, e a riqueza da Ría e os ríos Mendo e Mandeo.
En Madrid haberá tamén un recoñecemento especial que terá de protagonista a tortilla de Betanzos e o tradicional encontro cos betanceiros e betanceiras que residen na capital de España e que “son uns dos nosos mellores embaixadores turísticos de Betanzos”.











