A Fundación Globo de San Roque fixo entrega ao Concello a imaxe gráfica gañadora do concurso convocado para conmemorar o 150 aniversario do aeróstato de papel máis grande do mundo entre os debuxantes que participan cada ano na súa elaboración.
A alcaldesa, María Barral, que tamén preside a Fundación, explicou que a imaxe elixida foi realizada polo deseñador gráfico Luis Galán e nela, coas cores tradicionalmente utilizadas para a decoración do globo: negro, azul, vermello, verde e amarelo, destaca o 150 aniversario con imaxes no seu interior do propio Globo, as galerías betanceiras da praza do “Campo”; a torre de San Domingos, ou os históricos farois da propia praza.
A alcaldesa explicou que a imaxe é portada no calendario municipal de 2025 e será presentada oficialmente durante a feira internacional de turismo de Madrid (Fitur). Ademais, estará presente en impresos oficiais e en folletos promocionais.
De feito, o aniversario do primeiro Globo de San Roque confeccionado por Claudino Pita, será o principal protagonista da promoción turística de 2025. A súa conmemoración marcará a promoción de Betanzos como destino turístico. “Será o protagonista. É imaxe de Betanzos, algo único, e un referente na promoción da nosa cidade. Por iso, a promoción turística de Betanzos irá ligada ao Globo de papel mais grande do mundo”, apuntou María Barral.
Sobre o Globo centrará Betanzos a campaña na que “evidentemente tampouco pode faltar a nosa historia, cultura, o centro histórico, o comercio, as festas patronais nin a gastronomía, coa tortilla como referente”, indicou.
María Barral explicou que haberá accións promocionais de Betanzos e o Globo ao longo do ano tanto por parte do Concello como por parte da Fundación Globo de Betanzos. De aí a importancia que ten para o Concello que, como xa sucedeu nos actos do 800 aniversario da cidade, outras administracións colaboren na programación desta celebración. De feito, a alcaldesa xa mantivo reunións coa dirección xeral de Turismo, sobre este tema, e manterá coa Deputación.











