Betanzos conclúe, xunto a outros catro concellos, un novo Obradoiro de emprego en atención á dependencia

583

Betanzos, Abegondo, Carral, Coirós e Paderne entregaron, xunto co delegado territorial, Gonzalo Trenor, os diplomas acreditativos aos participantes dun  Obradoiro de  emprego no que se formaron a 20 persoas desempregadas en promoción e intervención  socioeducativa con persoas con  discapacidade e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

A alcaldesa, María Barral, amosou a súa satisfacción por poder ofrecer xunto ao resto de  concellos e en colaboración coa Xunta este novo proxecto formativo coa que seguimos reforzando o traballo “iniciado hai uns anos de forma conxunta, actuacións que, dados os resultados obtidos canto a inserción laboral, fan que sigamos traballando para organizas novos  obradoiros nas próximas convocatorias”.

Participaron 20 alumnos e alumnas repartidas en dúas especialidades: atención sociosanitaria a persoas dependentes, e promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade.

Durante os meses de duración deste impartíronse clases teóricas e prácticas a maiores de formación en orientación laboral, empresarial, prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental e igualdade de xénero.