O Concello rematará o convento das Donas acolléndose ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50 000 habitantes, habilitado polo IGVS, a través do cal Betanzos percibirá un adianto de algo máis de 500 000 euros. Estes cartos, que o Concello devolverá entre 2025 e 2032, servirán para contratar as obras da segunda fase das Donas. Os traballos desta segunda fase recollen fundamentalmente o acondicionamento interior e as obras de urbanización.
A primeira fase de recuperación do convento centrouse na limpeza e a eliminación de aditamentos superfluos e invasores para a construción orixinal, así como os primeiros movementos de terra, que permitiron e propiciaron a descuberta de restos e achados que manifestaban a realidade das cotas de acceso e asento orixinal da edificación, así como a aparición de diversos elementos destacados ocultos pola maleza, o abandono e as construcións engadidas nas derradeiras épocas.
Os achados supuxeron cambios e matices no proxecto previsto. O volume da á oeste recuperouse, unha vez limpo de aditamentos, vexetación e restos de estruturas deterioradas (carpintarías, pedra, etc), co tratamento dos muros e ocos, e a reconstrución da cuberta perdida, mantendo a súa imaxe exterior recoñecible e deixando o interior como un espazo único capaz de albergar unha sala de exposicións ou multiusos.
No resto de muros recuperouse así mesmo a súa tectónica: gran parte do propio muro leste e o seu arco de acceso, foron desmontados e montados de novo, seguindo o proceso indicado polo arqueólogo encargado da supervisión da obra.
Nesa zona achouse o enlousado do acceso do muro norte, probablemente o principal, que tivo que ser protexido, para deixalo para unha segunda fase e confeccionar a entrada de modo que se recoñeza e realidade descuberta.
Durante as obras desta primeira fase, as cotas do espazo orixinal manifestaron a contradición entre esta e o contorno froito das vías de tráfico. Os arcos, unha vez recuperada a cota das construcións apareceron na súa verdadeira dimensión e obrigaron a escavar o contorno exterior dos muros.
Todos estes achados e traballos non recollidos na primeira fase, obrigaron a redactar unha segunda fase para darlle un tratamento adecuado a urbanización do entorno exterior en contacto ao conxunto. O acceso principal orixinal, cara norte, onde apareceron achados da vía de acceso primeira, esixen unha nova formulación do bordo de encontro entre o edificio e a beirarrúa. Consecuentemente esta parte marcará a relación do conxunto do Convento das Donas co contorno urbano edificado e é a clave para a proposta de urbanización que se quere levar a cabo.
Con todo, o que se pretende é que o conxunto acade a dignidade que merece, e exixen unha actuación que sexa quen de amosar a identidade e funcionalidade do Convento das Donas como un equipamento urbano a escala de cidade, que sexa á vez capaz de achegarlle ao contorno un espazo de convivencia, confluencia e encontro, nun punto moi singular de acceso á cidade, ao carón do Camiño de Santiago e poñendo en valor os restos patrimoniais que chegaron ata nós.
As obras desta fase recollen no que respecta ao edificio resolver os accesos, respectando os achados do edificio orixinal, pechar e rematar as fachadas do conxunto edificado: revocos dos muros de cachote e fachada lixeira no corpo de ampliación, incorporación de carpintarías de madeira nos peches de pedra orixinais, e de aluminio no corpo ampliado e dotación de instalacións ao conxunto, fontanaría, electricidade e telecomunicacións, iluminación, calefacción, ventilación, contra incendios.
As obras desta fase recollen no que respecta ao urbanización da contorna inmediata, o movemento de terras, escavación de terras para conseguir espazo na contorna inmediata da edificación que permita a recuperación da cota orixinal de asento do edificio e a visibilidade dos achados atopados. Tamén a estrutura de muros para a contención das terras nos desniveis que aparecen entre a cota de acceso da edificación existente e o viario circundante, drenaxes e impermeabilizacións dos muros, e solados e pavimentos nos espazos exteriores de paso e estancia, co necesario trazado dun itinerario accesible para todas as persoas e instalacións de iluminación e sinalización.









