O Concello e Estradas ultiman a cesión das estradas nacionais nos seus tramos urbanos. A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión coa subdelegada do Goberno, María Rivas, o xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Angel do Río, e persoal técnico do seu departamento, co fin de ultimar unha proposta definitiva para que os tramos urbanos das estradas nacionais pasen a ser competencia directa do Concello.
A reunión produciuse tras a solicitude oficial que realizou o Concello ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acolléndose a unha Orde de acordos de entrega aos Concellos de vías urbanas da rede estatal. Por mor desta publicación, o Concello pretende recepcionar a estrada nacional en tramos urbanos nunhas condicións adecuadas.

Dentro deste proceso, fixouse o tramo cuxa “cesión podería ser viable” e que inclúe a antiga N-VI entre o lugar de Queirís, no límite de Betanzos con Coirós, ata a ponte Nova. Esta cesión recollería todo o centro da cidade, o obxectivo prioritario do goberno local. Esta cesión podería prolongarse nun futuro á N-651, no barrio da Ribeira, onde a intención do goberno local é humanizar a rúa da Ribeira e con ela ampliar as beirarrúas. A zona pasaría a ser competencia municipal.
Toda esta cesión tería tamén unha segunda parte a modo de actuacións, xa que o goberno local pretende, ademais, que o Ministerio constrúa unha rotonda no cruzamento da Magdalena, e asuma así unha antiga reivindicación veciñal que o Concello sempre defendeu, e a mellora da sinalización de todo o tramo da N-VI co pintado e reposicións do asfalto.
Tamén pretende que o Ministerio estude a posible construción dunha segunda rotonda ao final do núcleo de Saavedra Meneses en dirección a Ferrol.
A primeira edil destacou o entendemento que existe coa Demarcación de Estradas e os avances que se realizaron nestas últimas semanas ata fixar os tramos de cesión e salvar “algúns escollos que existían para chegar a un acordo. Seguimos a folla de ruta e agora imos traballar para que a cesión se produza en cuestión duns meses”.
O obxectivo do Concello é dobre. Por unha banda, dispor de autonomía sobre unha vía que a día de hoxe é netamente urbana e que por tanto que a poida xestionar como tal; e por outra banda, facer unha serie de actuacións que permitan humanizar o tramo, algo que agora, por normativa do Estado, non é posible.









