Destinar edificios que pertencen ao Estado a uso de carácter social e con eles impulsar, ao mesmo tempo, a súa recuperación despois de anos de abandono.
Ese é o obxectivo co que a alcaldesa, María Barral, mantivo en Madrid senllas reunións con responsables da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e con Patrimonio do Ministerio de Traballo para avaliar e avanzar na cesión ou compra de dous inmobles: o edificio do antigo ambulatorio e o edificio dos sindicatos.
Sobre este último, o Concello iniciara hai uns anos conversas co fin de adquirir as instalacións para uso social e, de forma especial, para que nelas tivese un espazo a veciñanza da Magdalena. Naquel momento realizáronse taxacións polas dúas administracións cunha diferenza considerable canto á contía económica que fixo inviable o acordo, a pesar de que o Concello incluso achegou documentos que acreditaban unha cesión gratuíta do terreo no seu momento para a construción do edificio polo Estado. Esta cesión non influíu na rebaixa da contía polo que a operación non chegou a bo porto.
Agora, a alcaldesa retomou as conversas en Madrid coa subsecretaria de Estado do Ministerio de Traballo, Gemma do Rey Almansa, con quen coincidiu na necesidade de recuperar o inmoble que co paso os anos sofre, cada vez máis, unha constante deterioración. As conversas van por bo camiño e aínda que todo dependerá do prezo final do inmoble “hai boa dispoñibilidade polas dúas partes de pechar unha operación que para o Concello é importante co fin de destinar o edificio ao ámbito social e de servizos municipais. Nisto coincidimos co Ministerio que tamén ten vontade de que o inmoble teña actividade en lugar de que permaneza no estado no que se atopa agora mesmo”.
Ambulatorio
Outra das reunións mantidas pola alcaldesa en Madrid foi co subdirector xeral do Estado de Xestión do Patrimonio, Carlos Cristóbal de Cossío Jiménez, do Ministerio de Seguridade Social, para estudar e expor a curto prazo a cesión, como primeira opción, do antigo ambulatorio, situado na rúa Pintor Seijo Rubio. Trátase dun inmoble que nestes momentos ten unha parte ocupada pola Tesouraría do Estado, pero que tres cuartas partes do mesmo están en desuso, deteriorándose co paso do tempo.
A formulación do goberno local é tamén poder destinar estas instalacións, unha vez acondicionadas, a servizos municipais de ámbito social e veciñal, tendo en conta da localización privilexiada que ten o edificio. A primeira edil destacou a “magnífica sintonía cos responsables da Tesouraría para chegar a acordos que permitan recuperar para os veciños de Betanzos un inmoble que ten moitas posibilidades. O camiño está iniciado e teño a convicción de que chegaremos máis pronto que tarde a un acordo satisfactorio”.