Betanzos eliminará a cita previa para os maiores, á primeira hora, despois do verán, habilitando un horario de atención preferente todos os días á primeira hora

337

O Concello eliminará a cita previa de atención ao público a maiores despois do verán, entre as 9.00 e as 10.30 horas, para facilitarlles así os seus trámites na administración, dándolles preferencia de luns a venres. A partir deste horario, para realizar xestións terían que seguir facéndoo con cita previa.

Así llo explicou a alcaldesa, María Barral, aos representantes dos colectivos de maiores cos que se reuniu esta semana atendendo unha das súas peticións realizadas durante o Pleno de Maiores celebrado hai uns meses.

A cita previa púxose en marcha tras o Covid e aínda que resulta eficaz para evitar esperas e poder atender dunha maneira máis áxil aos cidadáns o certo é que “o colectivo de maiores require “en moitas ocasións outras atencións e por iso consideramos que había que establecer un cambio”.

Neste sentido, a primeira edil indicou que a proposta presentada no Pleno “parécenos acertada e por iso imos cambiar o procedemento de atención, eliminando a cita previa para fixar un horario de atención preferente aos nosos maiores, axudándoos tamén cos Rexistros presenciais en caso de ser necesarios”.

A medida forma parte doutras actuacións dirixidas a este colectivo que foron expostas durante o Pleno e nas que se está traballando. “Ningunha das propostas aprobadas caeu en saco roto. Algunhas están moi avanzadas, noutras está a traballarse e outras están aínda pendentes, pero entendemos que todas son importantes para o colectivo e imos tentar que a maior parte das mesmas sexan atendidas, pero é imposible facelo todas ao mesmo tempo”, indicou María Barral.

Así, confirmou o encontro de maiores, celebrarase o próximo mes de setembro no Pasatempo e en canto a equipamentos demandados está en proceso a licitación do novo pantalán A Tolerancia, “sen esquecer a instalación de aseos públicos, tan pronto como sexa, na zona portuaria e no Malecón”.

Outra das peticións do colectivo durante o pleno foi a mellora do transporte metropolitano, queixas que a alcaldesa levará, xunto á doutros colectivos, á mesa de seguimento do Transporte Metropolitano prevista para o próximo día 1.

A maiores anunciou que o Concello estuda varios cambios en canto ao denominado servizo de transporte adaptado para reconvertelo nunha liña intermunicipal. “Estamos a estudar poñer en marcha esta liña, frecuencia da mesma e percorrido, que en todo caso non pisarse coas liñas de transporte público que realizan distintos servizos no municipio”.

Entre os asuntos tratados, María Barral tamén explicou o programa de subvencións municipais en concorrencia competitiva, ás que se poden presentar estes colectivos para así poder subvencionar actividades; ou a creación do Consello municipal de Maiores, coa idea de poñelo en marcha de fronte ao próximo inverno.