O Pavillón Municipal do Carregal pasa a denominarse José María Valeiro Iglesias “Tocayo”. O acto estivo presidido pola alcaldesa, María Barral, acompañada por membros da familia de Valeiro Iglesias, da directiva do Club Baloncesto Santo Domingo; corporación municipal, e xogadores e xogadoras do clube.
A proposta fora presentada polo grupo de goberno na Comisión de Nomenclator çdespois da reunión mantida con representantes do clube co concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda, na que se trasladou o desexo do goberno local de que o pavillón municipal do Carregal pasase a denominarse “Pavillón Municipal José María Valeiro Iglesias, ‘Tocayo’” en recoñecemento a súa labor ao frente do clube, do que foi presidente dende hai 23 anos, conseguindo rescatalo cando estaba a un paso da desaparición deportiva e levalo a disputar durante 10 temporadas consecutivas a liga EBA e aínda o máis difícil, facelo regresar a ela só unha temporada despois do descenso a Primeira Nacional.
A alcaldesa destacou que o de hoxe era un día cargado de emoción, “de memoria e de xustiza para render homenaxe a unha persoa que deixou unha pegada indeleble no deporte brigantino, e especialmente no corazón de quen o coñeceu”.
Barral indicou que “este pavillón municipal pasa a levar o nome de José María Valeiro Iglesias, ‘Tocayo’, e con iso, Betanzos honra o seu legado. ‘Tocayo’ foi moito máis que o presidente do Club Baloncesto Santo Domingo. Foi un referente, un impulsor incansable, un apaixonado do deporte, un formador de xeracións. O seu compromiso co baloncesto e coa mocidade de Betanzos transcendeu o meramente deportivo: axudou a construír valores, a tecer comunidade, a forxar amizades que aínda perduran”.
Indicou que quen compartiu camiño con él lémbrano como unha persoa xenerosa, entusiasta, próxima. Como alguén que cría no que facía e facíao co corazón. “Sempre disposto, sempre presente.
A perda de José María deixounos un baleiro difícil de encher, pero tamén nos deixa un exemplo que queremos que perdure. Por iso hoxe damos este paso, que é moito máis que simbólico: asociar o seu nome a este pavillón é recoñecer que sen persoas como lé, o deporte local non sería o que é”.
Barral tivo palabras para a familia comentando que “hoxe é un día difícil, pero tamén esperamos que sexa un día de orgullo. Este espazo, onde tantas veces ecoaron os botes do balón, os aplausos e as vitorias compartidas, levará o nome de quen tanto deu por el. Cada vez que alguén cruce estas portas, o seu nome será lembrado. E con él, todo o que representa. Grazas, Tocayo. Pola túa dedicación, o teu esforzo e o teu agarimo por Betanzos. Hoxe devolvémosche un pouco de todo o que ti nos deches. Que este pavillón, agora ‘José María Valeiro Iglesias’, siga sendo un lugar de encontro, de crecemento, de soños… como ti soñáchelo”.












