O Betanzos celebrou o pasado domingo 22 de marzo, o acto de entrega do Premio Úrsula Meléndez de Texeda 2026, unha das citas institucionais máis relevantes e emotivas do ano, enmarcada na conmemoración do Día Internacional da Muller.
Durante a súa intervención, a alcaldesa, María Barral, destacou a importancia deste galardón, que recoñece cada ano o labor de mulleres ou colectivos en favor da igualdade e pon en valor o papel esencial das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.
Nesta edición, o premio foi concedido por unanimidade a Josefa Naveira García, coñecida como “Fina”, pola súa traxectoria á fronte da Asociación de Veciños de Infesta desde 1998.
O Concello quixo así recoñecer a súa dedicación durante preto de 30 anos, nos que impulsou unha intensa actividade social, cultural e educativa no barrio de Infesta, dinamizando o seu local social e fortalecendo a vida comunitaria.
A alcaldesa subliñou a súa “entrega incansable” á veciñanza, mesmo en momentos de dificultade persoal, definíndoa como “o corazón e a alma” dun dos espazos asociativos máis activos do municipio.
O Premio Úrsula Meléndez de Texeda é o máximo recoñecemento en materia de igualdade que concede o Concello, co que se distingue o labor de persoas e colectivos que contribúen a promover a igualdade de xénero.
O acto serviu tamén para poñer en valor o papel fundamental do asociacionismo na dinamización social e no benestar da cidadanía. Durante a cerimonia, o exalcalde Ramón García Vázquez dedicou unhas palabras emotivas á homenaxeada, lembrando a orixe da asociación veciñal de Infesta.










