A alcaldesa, María Barral, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e representantes da Garda Civil asinaron o convenio de de coordinación e colaboración entre a comandancia da Garda Civil da Coruña e o Concello de Betanzos para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero.
Con este convenio, a xestión da seguridade das vítimas e seguimento dos casos realizarase a través do Sistema de Seguimento Integral dos casos de violencia de xénero (VioGén).
A alcaldesa fixo especial fincapé na importancia da colaboración entre Policía Local e Garda Civil en materias tan sensibles como a violencia de xénero e valorou o convenio asinado hoxe como un paso máis para que Betanzos reforce os seus programas e actuacións neste ámbito. O convenio foi asinado durante a Xunta Local de Seguridade celebrada con participación de Policía Local, representantes técnicos da Subdelegación do Goberno e de Servizos Sociais do Concello.









