Betanzos terá un Centro de Información á Muller municipal durante 2026. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, quen indicou que o Concello conta co proxecto que pretende executar ben con fondos propios ou con axuda doutra administración facendo realidade “unha antiga demanda municipal que nunca foi atendida pola Xunta, a pesar de que é competencia directa da administración autonómica”.
A primeira edil indicou que a creación deste centro cubrirá non só unha antiga aspiración municipal senón que atenderá tamén a outros concellos que, xunto a Betanzos, dependían do Centro da Muller de Coirós ou o de Curtis, “nunha decisión, no seu día, caprichosa da Xunta de instalar un servizo de ámbito comarcal en concellos aos que mulleres de gran parte dos municipios da comarca teñen dificultades para trasladarse”.
O proxecto contempla a reestruturación das dependencias municipais de Servizos Sociais, creando unha zona exclusiva de atención só para o Centro de Información á Muller á que se poderá acceder directamente desde a rúa. Desde o centro promoveranse intervencións dirixidas ás mulleres, proporcionando asesoramento xurídico, apoio psicolóxico, orientación sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Desde o CIM prestarase atención e asesoramento a aquelas mulleres que o demanden, de forma individual ou colectiva, formando parte dun grupo ou asociación de mulleres, así como a calquera persoa, en asuntos relacionados coa promoción social da igualdade de xénero, cunha atención baseada nos principios do anonimato, da confidencialidade e do respecto á vontade das mulleres.
Tamén se programarán actividades e campañas de sensibilización para fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e concienciar na necesidade de erradicar toda forma de violencia de xénero.
A alcaldesa explicou que entre os servizos cos que pretende contar atópase o de atención específica a mulleres vítimas de violencia de xénero; Información sobre recursos dispoñibles; cursos, xornadas, estudos en materia de igualdade e violencia de xénero; asesoramento xurídico e psicolóxico e recepción de denuncias e queixas en materia de discriminación por razón de xénero ou por razón dá identidade ou orientación sexual co traslado destas aos órganos competentes.











