As obras de recuperación do edificio da antiga sede da Policía Local entran, a partir da vindeira semana, na súa última fase para que antes do vindeiro verán o Concello poida abrir estas novas instalacións. A alcaldesa, María Barral, visitou o edificio e reuniuse con técnicos da dirección de obra e da empresa que executa os traballos.
Neste momento, o interior do edificio foi baleirado e xa se percibe o que serán os andares superiores tanto da zona onde se ubicará a futura oficina de Turismo municipal, na entrada ao edificio, como a zona que albergará a parte museística do antigo Reino de Galicia.
Na zona reservada a Turismo, nada máis entrar no edificio, a nova oficina ocupará todo este primeiro andar, polo que a parte superior, á que se accederá a través nun ascensor, será un espazo diáfano e aberto para actividades vencelladas á promoción turística da cidade.
O segundo edificio que forma parte do complexo, situado na parte de atrás da parcela, será o que albergue a exposición permanente sobre o Reino de Galicia, impulsada desde a Deputación, co obxectivo de contribuir á difusión da historia e identidade de Galicia a través dunha instalación museográfica estable. A mostra quedará en Betanzos despois do convenio asinado entre as dúas institucións, que establecía o compromiso do Concello en realizar os traballos e a posta a disposición do espazo para albergar a mostra, e da Deputación, para contratar o deseño museográfico da exposición permanente, adaptado ao espazo, co obxectivo de contribuír á difusión da historia e da identidade galega a través dunha instalación museográfica estable que se converterá no primeiro centro de interpretación daquela época.
En palabras da alcaldesa “será a exposición ou centro museístico permanente máis importante de Galicia sobre o antigo Reino de Galicia e un polo máis de atracción para visitar o casco histórico”.
María Barral explicou que entre as dúas edificacións haberá un patio central que será habilitado con gradas e un pequeno escenario no que se poderán levar a cabo actividades vencelladas tamén á parte museística ou turística.
Recordou tamén que a rehabilitación do edificio forma parte do programa e das actuacións de “recuperación do patrimonio betanceiro como o Pasatempo, As Donas, o Mercado Municipal… Edificios ou espazos singulares e únicos que forman parte da historia de Betanzos”.











