A Policía Local de Betanzos detivo a L.M.F., de 40 anos de idade, veciño de Irixoa, por dous delitos contra a seguridade viaria en España: condución temeraria e condución baixo os efectos do alcohol, xa que cuadruplicaba, neste caso, a taxa de alcoholemia, ao chegar a 1,08 mg/l en aire expirado (a taxa permitida é de 0,25 mg/l).
Os feitos producíronse o pasado día 25 sobre as 14.20 horas cando o detido circulaba pola avenida Jesús García Naveira en dirección ao centro da cidade. Á altura da gasolineira das Cascas, o seu vehículo invadiu o carril contrario e chocou lateralmente con outro coche que circulaba en sentido contrario. A condutora deste coche esquivou o golpe frontal ao aproveitar un espazo libre que había de estacionamento na rúa, pero non evitou o golpe lateral.
A pesar da aparatosidade do accidente, L.M.F. non se detivo e seguiu a súa marcha pola avenida Jesús García Naveira cara á zona centro. Nese momento, a Policía Local foi alertada do sucedido por varias chamadas telefónicas, ademais da propia condutora afectada polo golpe, que viaxaba cunha menor no coche.
Ao lugar achegáronse efectivos que estaban na zona escolar e unha patrulla da policía. Nas chamada recibidas en sede policial outros condutores e condutoras alertaron que o vehículo conducido polo agora detido “circulaba facendo eses xa antes do impacto”. Desde a Policía Local alertouse ao 062 dos feitos dado que o condutor do vehículo circulaba de forma temeraria. Ante o risco que supoñía para outras persoas e a imposibilidade de que nese momento a Garda Civil puidese enviar algunha patrulla, a Policía Local iniciou unha persecución pola estrada que une Betanzos con Paderne e Irixoa.
Neste último municipio, localizou o vehículo nunha vivenda e practicou os controis preceptivos de alcoholemia, que nese primeiro momento chegou aos 0,79 mg/l. A patrulla trasladou a L.M.F. a Betanzos, onde se lle practicou un segundo control no que chegou ao 1,08 mg/l, o cuádruplo da taxa de alcoholemia.
A condutora do vehículo que sufriu o impacto lateral tivo que ser trasladada ao centro de saúde de Betanzos por diversas dores e crises de ansiedade.










