Betanzos inicia, xunto con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne, un novo obradoiro de emprego de atención sociosanitaria

715
A alcaldesa de Betanzos, María Barral e o concelleiro de formación Ricardo Cheda, xunto a Javier Campa, xefe de servizo de emprego da Xunta de Galicia, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, o alcalde de Abegondo José Antonio Santiso, o alcalde de Carral Javier Gestal e a concelleira de emprego de Coiros Yolanda Valiño na presentación do obradoiro no salón azul do edificio Liceo

Betanzos, xunto cos concellos de Abegondo, Carral, Coirós e Paderne inicia o Obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil “Coidados Sociosanitarios” subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade  e cofinanciado polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social que terá unha duración de doce meses.

O Obradoiro consiste nun programa mixto de emprego e formación dirixido a persoas desempregadas no que participararán un total de 16 persoas que durante doce meses realizarán unha formación específica para obter dous certificados: Atención sociosanitaria a persoas do domicilio e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Ademais, participarán en módulos transversais en prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de xénero, orientación laboral e formación empresarial.

O obxectivo dos obradoiros de emprego é que o alumnado participante obteña o certificado de profesionalidade que o habilite para traballar en calquera  centro de atención sociosanitaria para persoas dependentes ou en calquera servizo de axuda no fogar. Esta habilitación é válida para traballar en calquera Comunidade Autónoma. Ademais, adquirirán as competencias e ferramentas necesarias para realizar unha busca de emprego que lles facilite a inserción laboral.

Os 16 alumnos e alumnas comezarán agora a súa formación teórica para logo realizar as correspondentes prácticas non laborais en formación de atención sociosanitaria a persoas no domicilio  a través do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Betanzos; as prácticas en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, faranse na Residencia García Irmáns, no Centro Pai Menni en Aspronaga e Aspace.

Representates políticos dos concellos particpantes xunto a o personal directivo, docente e o alumnado do obradoiro

A previsión de inserción laboral, segundo explicou a alcaldesa de Betanzos, María Barral, partindo dos datos destes últimos anos é dun 80% do alumnado polo que animou aos participantes a sacar “o máxima rendemento a este obradoiro de cara a acadar un posto de traballo no futuro”.

Os datos destes anos reflicten, para a primeira edil, a importancia que ten esta formación para facilitar a inserción laboral e a aposta dos concellos por seguir impartindo estes obradoiros, xunto coa Xunta, “de maneira conxunta tendo en conta os datos de inserción alcanzados durante estes últimos anos en todos os proxectos desenvolvidos en conxunto polos nosos concellos o que fai que sigamos nesta liña de traballo e colaboración no futuro”.

PRESENTACION OBRADOIRO FORMACION
11-outubro-2024
PRESENTACION OBRADOIRO FORMACION
11-outubro-2024