Betanzos iniciou o programa de visitas guiadas ao Pasatempo en grupos reducidos

623
Visitas programadas á zona histórica do parque do Pasatempo

O Concello comezou o programa de visitas guiadas ao Pasatempo. Trátase de visitas programadas á zona histórica na que se poderán coñecer de primeira man os traballos de recuperación que se están a levar a cabo nestes momentos, o seu estado, e as peculiaridades dos distintos niveis nos que se divide o parque enciclopédico.

As visitas realízanse coas máximas medidas de seguridade por iso é polo que se desenvolven en grupos reducidos, de entre 15 e 20 persoas. Trátase dunha  actividade que realiza o Concello e as persoas interesadas poden inscribirse pola vía telemática ou presencial.

As visitas prolongaranse durante varios meses,  en horario de mañá ou de tarde en función dos traballos que se realicen no parque para non interromper o seu desenvolvemento.

A visita guiada terá un custo de 1,25 euros, que é o prezo público aprobado no seu día para realizar esta actividade.

Obras

As obras da primeira fase de recuperación do parque, centradas no estanque do Retiro, entraron na última fase, polo que os visitantes poderán contemplar o estado no que está a quedar todo este primeiro nivel do parque no que se investiron uns 500 000 euros financiados polo Concello e a Deputación.

Ademais deste investimento, están previstos outros 1,5 millóns de euros provenientes do Goberno de España a través dos Next Generation destinados a BIC situados no Camiño de Santiago. Con estes 1,5 millóns de euros recuperaranse a fonte do Catro Estacións; a gruta e o estanque da Gruta da Recoleta, e o invernadoiro, ademais da balaustrada do Retiro.

Así mesmo, a alcaldesa, María Barral, anunciou que se presentará outro proxecto a unha convocatoria do Ministerio de Turismo, tamén para BIC, no que se solicitará outro millón de euros ao Estado. A primeira edil reiterou que a intención do Concello é non “non  deixar pasar ningunha oportunidade á que nos podamos acoller, non só para o Pasatempo senón para outros proxectos, e captar o máximo posible dos Next Generation”.