María Barral tende a man a Educación para “avanzar” na mellora das instalacións do Vales Villamarín cando se cumpre o seu 50 aniversario

107
A alcaldesa María Barral e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, á súa esquerda no acto do 50 aniversario do CEIP Vales Villamarín.

A alcaldesa María Barral, aproveitaba a presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para tender pontes de colaboración entre as dúas institucións de cara a “abordar todas as melloras necesarias que engrandecerán máis aínda se cabe este colexio” en alusión aos traballos que aínda están pendentes de abordar no centro dentro dunha segunda fase de mellora das instalacións.

Á marxe do acto público, nun á parte, a alcaldesa, mantivo un encontro co conselleiro para insistirlle na necesidade de que se programen as obras que desde hai anos reclama o Concello e a comunidade educativa, actuacións “para as que o goberno local lle amosou á Xunta a súa máxima colaboración como o fixo co patio cuberto. O investimento correspóndelle á Xunta, que é a que ten a competencia, mais estamos abertos e coa man tendida para sentarnos coa Consellería e tentar buscar solucións para que o Vales Villamarín teña unhas instalacións adecuadas aos tempos”.

Esa segunda fase de mellora no colexio quedou no esqueceu nos orzamentos autonómicos “unha vez máis pero chegou o momento de que a Xunta as encare” para completar a primeira fase, realizada hai uns anos, e que supuxo unha importantísima mellora dunhas instalacións nas que estudan uns 900 alumnos e alumnas. “Non podemos quedarnos de brazos cruzados. Un colexio como o Vales Villamarín non pode permanecer cunha parte arranxada e outra sen practicamente nin tocar. Con iso o único que está a facer a Xunta é discriminar aos nenos e ás nenas de Betanzos tanto en relación con outros concellos ou colexios con moito menor número de alumnos e alumnas; como entre os escolares do propio centro, que perciben diferenza dependendo do lugar no que teñas clase dentro do edificio”.

Os traballos pendentes inclúen a renovación de xanelas, o illamento do edificio, pintado, e a ampliación, urxente, do comedor escolar, xa que agora estase utilizando o salón de actos como para este fin, limitando, evidentemente, as actividades escolares.