Betanzos mantén a súa aposta polo Centro de Día malia a negativa da Xunta a facelo

150

“Por fin confirmamos publicamente o que era un segredo a voces: que a Xunta non ía construír un Centro de Día en Betanzos”, algo que ata onte non admitiran, deixando non só a Betanzos senón tamén á comarca sen un servizo demandado en infinidade de ocasións”.

Así se referiu a alcaldesa, María Barral, ás palabras da conselleira de Política Social, Fabiola García, en resposta parlamentaria a unha pregunta sobre cando tiña previsto a Xunta construír o Centro de Día de Betanzos. A responsable de Política Social indicou na sede parlamentaria que Betanzos contará con Centro de Día cando “o faga a alcaldesa de Betanzos”.

María Barral considera que a resposta vai na liña do “bloqueo” ao que esta Consellería “pretende someter a Betanzos”, rexeitando desde hai anos este centro de día, solicitado por activa e por pasiva, e calquera vía de entendemento institucional despois de que “só no que vai de ano esta conselleira rexeitase as catro peticións de reunión” solicitadas para falar deste tema. “Non tivo tempo nin entra nos seus plans facelo”, malia tratarse dunha “competencia directa da Xunta e non dos concellos”.

Ante esta situación, a alcaldesa defendeu a necesidade de que Betanzos conte con estas instalacións, pola demanda existente nun municipio onde a poboación maior é importante, con preto de 4.000 persoas maiores ás que se suman máis de 12.000 na comarca. “A conselleira pode seguir sen recibirme, e pode seguir rexeitando o proxecto dos betanceiros e betanceiras, pero o que non poderá conseguir é que Betanzos quede sen Centro de Día”, indicou.

Neste sentido, anunciou que o Concello continuará coa súa folla de ruta. Conta xa cun proxecto de construción do centro na zona do Carregal, nunha parcela municipal próxima aos equipamentos sanitarios e deportivos da zona, e agora “seguiremos dando os pasos necesarios para facer realidade o centro”, buscando axudas noutras administracións ou estudando outras vías de financiamento.

“Evidentemente non teremos o centro no tempo que nos gustaría, pero o que non imos facer é rexeitar un equipamento que é necesario para os nosos maiores e buscaremos a maneira de facelo realidade”.

A primeira edil insistiu en que “non hai xustificación ningunha ao trato recibido por parte da conselleira e á súa teimosía en non atender as necesidades de Betanzos”, nunha intervención como a de onte no Parlamento na que parecía incluso fóra de si nun tema no que desde o Concello sempre seguiron “unhas canles institucionais” e ofreceron publicamente “a máxima colaboración”.

“Nunca aceptou as nosas solicitudes para reunirnos, o que evidencia o seu escaso interese por Betanzos, os betanceiros e as betanceiras aos que represento”.