O Concello abre o renovado parque infantil Pintor Seijo Rubio cun deseño inclusivo e sostible

206

O Concello abriu o renovado parque infantil Pintor Seijo Rubio, cuxa mellora forma parte do programa municipal de renovación de áreas de xogo que inclúe tamén os parques da Ribeira, O Pasatempo, As Donas, Viuxe, A Condesa e, anteriormente, Alfonso IX, a praza do Emigrante, Carregal, o casco histórico ou O Xuncaliño.

Os traballos consistiron na instalación de novos xogos e dunha nova pavimentación, coa finalidade de crear un parque inclusivo no que todos os nenos e nenas, tamén aqueles con diversidade funcional, poidan xogar, interactuar e aprender uns dos outros.




Así, instaláronse xogos inclusivos, pavimento absorbedor de impactos e mobiliario urbano formado por bancos e papeleiras. Os elementos escollidos permiten crear un espazo de lecer destinado a menores de entre 0 e 15 anos. Entre os novos xogos destacan:

  • Columpio con asento niño de gran amplitude, apto e homologado para persoas con mobilidade reducida.
  • Columpio con dous asentos, un plano e outro para bebés.
  • Xogo de bloques de escalada.
  • Xogo integrador de xiro rápido.
  • Estrutura multixogo para nenos e nenas de 2 a 6 anos.
  • Tobogán de plástico.
  • Construcións de cordas e redes.
  • Barra de bombeiros e barra de ascenso en forma de “$”.
  • Xogo infantil adaptado multiactividade, composto por cinco paneis con diferentes elementos táctiles e interactivos.

No referente ao mobiliario urbano, escolléronse produtos con baixa incidencia ambiental, fabricados en plástico reciclado e reciclable, procedente da fracción de envases da recollida selectiva, garantindo así a circularidade do material desde a súa orixe ata o final da súa vida útil.

A alcaldesa, María Barral, supervisou a apertura do parque e mostrou a súa satisfacción polo cambio experimentado nesta área infantil, destacando que se trata dun proxecto co que “cumprimos unha demanda veciñal nun dos parques máis utilizados do municipio”.