Coa posta en marcha do IV Plan de Igualdade Municipal no ano 2023, o Concello de Betanzos engadiu unha nova liña de acción, consistente en recoñecer a traxectoria dunha muller emprendedora con 25 ou máis anos de actividade dentro do municipio.
O primeiro galardón entregouse a Consuelo Videla Porto, polo seu negocio Carnicería Chelo e o ano pasado, 2024, a Josefa Varela Mosquera, de “La tienda de Josefina”.
Este ano o premio recaeu en María Pérez Iglesias, quen iniciou a súa andaina á fronte de óptica Selgas en 1994, o que a converte a día de hoxe na muller en activo en Betanzos con máis anos á fronte dun establecemento.
Licenciada en Farmacia e Óptica, é responsable da marca Selgas, que tamén ofrece atención en parafarmacia e herboristería. Este distintivo, que se enmarca dentro da campaña polo 25 de novembro, completa os que se outorgan cada ano ás novas emprendedoras co gallo da celebración do 8 de marzo.
Durante o acto, a alcaldesa, María Barral, destacou a importancia do premio para “visibilizar, recoñecer e poñer en valor o traballo, o esforzo e o talento das mulleres que, ao longo de anos , contribuíron e contribúen de maneira decisiva ao desenvolvemento social e económico do noso concello”.
A alcaldesa indicou que con este premio “enviamos unha mensaxe clara: o traballo das mulleres á fronte de negocios merece ser recoñecido, valorizado e celebrado”. Explicou que durante moito tempo, “o papel das mulleres quedou en segundo plano”. Engadiu que “hoxe, desde o Concello, queremos dicilo alto e claro: sen as mulleres empresarias, autónomas e emprendedoras non se entende o presente nin o futuro do noso municipio”.
Barral Varela manifestou que hoxe rendemos “unha homenaxe a unha muller que representa á perfección os valores que este premio pretende recoñecer: o compromiso, a constancia, a profesionalidade e o espírito emprendedor”.
A alcaldesa indicou que o premio a María Pérez reflicte o que significa estar á fronte dun negocio con “vocacion de servizo, con responsabilidade e humanidade”. Ao longo destas décadas “non só coidou da saúde visual da nosa veciñanza, senón tamén contribuíu a manter vivo o comercio local, a fortalecer o tecido empresarial da cidade e demostrar que o liderado feminino é fundamental para o progreso da nosa sociedade”.
Rematou agradecendo a súa traxectoria e o seu exemplo, que ten que “inspirar as mozas que soñan con emprender, as mulleres que cada día levantan as reixas do seu negocio con esforzo e ilusión e a todas aquelas personas que cren nun Betanzos máis xusto, máis igualitario e con máis oportunidades”.











