O goberno local vén de adxudicar unha nova fase do seu programa de mellora do alumeamento público, no que investirá 1,1 millóns de euros.
Trátase dunha nova actuación, dentro do programa do IDAE, na que en total se instalarán 461 puntos de luz. Substituiranse as luminarias por outras con maior rendemento lumínico, menor potencia instalada e maior redución da contaminación. Tamén está previsto instaurar novos sistemas de telexestión e sistemas de regulación do fluxo lumínico. Os novos puntos de luz estarán equipados con tecnoloxía LED.
O obxectivo da nova actuación é continuar o programa iniciado hai uns anos para modernizar as instalacións eléctricas, substituíndo luminarias tradicionais por tecnoloxía LED e implementando sistemas de control intelixentes, que permitan non só reducir drasticamente a factura eléctrica, senón tamén optimizar a calidade da iluminación e minimizar o impacto ambiental asociado á contaminación lumínica.
O Concello deu pasos significativos durantes estes últimos anos cara a sostibilidade e a eficiencia enerxética, ao renovar unha parte considerable do seu alumeamento público. Neste sentido, a nova fase permitirá seguir este obxectivo mediante a renovación de todo o polígono industrial de Piadela, na zona de Viúxe; Montellos e Roibeira; Bravío, Tabacos, Acea e San Xiao, así como tramos da estrada que une Betanzos con Coirós e en dirección a Ferrol, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.
Canto á zona urbana, están previstas actuacións na rúa Concepción Arenal, en rúas do casco histórico como Pescadería e Castro, no grupo Brigantium, na avenida da Coruña, no paseo da Tolerancia, en Fonte de Unta, na praza Alfonso IX, en Cruz Verde, no camiño de Cal das Barras, na avenida de Castela, en Xosé Alguero Penedo, na rúa Rollo e Alcalde López Datorre, ademais da urbanización da Condesa.
Destaca tamén, dentro do proxecto, a praza García Naveira e os soportais da propia praza. O tipo de luminaria previsto será ambiental na maior parte das zonas. Tamén haberá proxectores, farois e sinais luminosos. Actualmente Betanzos conta con 4991 puntos de luz, dos que 4688 son luminarias e 97, centros de mando.











