Betanzos prepara un amplo programa de actividades para os maiores que incluirá excursións, universidade, cursos formativos e camiñadas

465
Primeira edición do Encontro dos Maiores de Betanzos no auditorio do Pasatempo celebrado o pasado mes de xuño

O Concello prepara un outono/inverno con diferentes actividades dirixidas aos maiores do municipio. Trátase dun programa con actividades que xa se facían antes da pandemia e outras que o Concello quere impulsar durante os próximos meses. Universidade Senior, talleres de memoria, cursos formativos, bailes e excursións serán os eixos desas actividades que arrincan a pesta semana, precisamente, cos programas de formación da universidade senior, en colaboración coa Universidade da Coruña e cun temario centrado no patrimonio social e cultural; o medio ambiente e a sustentabilidade e a saúde e o benestar.

Será a primeira cita da oferta dirixida aos maiores que este ano tamén incluirá de novo os talleres de memoria, un encontro que se celebrará na zona rural e no núcleo urbano coa participación dunhas 70 persoas (23 na última edición) o que demostra o interese que “suscita este tipo de cursos”. Trátase dun obradoiro no que os maiores participan en actividades de estimulación cognitiva e que levarán este ano aos centros sociais de Xanrozo, Infesta e o centro social da praza García Irmáns. A demanda foi tan importante que tiveron que facer quendas para participar..

Ademais, atendendo as demandas da asociación de xubilados, organizaranse cursos formativos de manexo da internet, do uso do móbil ou ferramentas que lles sexan útiles para o día a día; así como un programa de ximnasia de mantemento.

Programaranse charlas formativas sobre temáticas que lles afecta a este colectivo relacionadas con testamento, herdanza ou o recibo do consumo eléctrico; e tamén se poñerá en marcha, de novo, as escolas de costas, unha actividade que non se prolongou durante a pandemia e que estaba incluída nun programa social provincial. Agora, a idea do Concello é recuperala e financiala directamente na súa oferta de actividades municipais tendo en conta a demanda e interese por participar nela.

O Concello tamén deseña un programa de roteiros a pé, adaptadas a este colectivo, que se poidan desenvolver no propio municipio ou en lugares próximos. No programa traballan tanto Servizos Sociais como Deportes e preténdese poñer en marcha de fronte ao próximo ano. Igual que os bailes, que volverán ao edificio Liceo e as excursións, coa mirada posta na de termalismo que despois de dous anos volverá celebrarse en 2023.

Estas actividades,  que se completarán coas culturais onde o teatro e a música durante a maior parte das fins de semana, formarán parte do programa que prepara a área de Servizos Sociais para os próximos meses.