Betanzos pedirá unha reunión urxente da Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano para tratar os problemas que padecen as persoas usuarias do transporte público que comunica Betanzos coa Coruña e Ferrol. A alcaldesa, María Barral, explicou que ante a situación que se está vivindo non só en Betanzos senón noutros municipios “non entendemos como a Xunta, que é a que tería que convocar esta reunión hai meses, segue sen liquidar as incidencias e problemas que lle expomos as administracións e as persoas usuarias. A primeira edil considera que é necesario pór sobre a mesa os problemas comúns que temos os concellos e tratalos “en conxunto ante a Xunta para que se busquen solucións coa empresa concesionaria”.
María Barral indicou que a sensación que se percibe “é que o que se está facendo é pór parches cada vez que xorde unha situación, e ás veces non hai tantos parches para liquidar todas as situacións por iso sería bo facer esa comisión de seguimento e tratar todos os problemas”. A primeira edil volveu insistir en que ao final “todo se centra non en que haxa máis ou menos frecuencias senón en adaptar as frecuencias que existen ás necesidades dos usuarios e usuarias do transporte que son os que padecen os problemas”.
Entre eses problemas, citou a colectivos de estudantes e persoas traballadoras de diversos colectivos que se desprazan á Coruña á primeira hora; alumnado dos institutos que chega tarde e que non ten servizo cando sae; a falta información que existe nas paradas, onde non se sabe se pasou ou non o autobús; ou que haxa liñas que teñen máis demanda e que, por tanto, vaian os autobuses sen apenas asentos libres e queden usuarios e usuarias en terra sen poder subir. .