
Betanzos presentou hoxe en Fitur a súa nova páxina web de Turismo turismo.betanzos.es concibida como unha plataforma dixital integral para a promoción de Betanzos, aliñada coa nova identidade visual municipal e con criterios actuais de deseño, usabilidade e accesibilidade.
A alcaldesa, María Barral, destacou que se trata dun paso máis no desenvolvemento do programa de promoción turística que inclúe tanto actos e actividades de “promoción de Betanzos con presenza en feiras e outros eventos e a posta en marcha de accións en liña a través de redes sociais e web”. O enfoque está orientado a distintos perfís de visitante, tanto para estancias curtas como para visitas de maior duración.
Neste sentido, a primeira edil indicou que era necesario “un cambio tanto de imaxe como de soporte web da área de Turismo, un cambio que achegue Betanzos aos potenciais visitantes, con ferramentas que permitan planificar a visita”. Entre os elementos máis destacados, a alcaldesa indicou a integración de mapas interactivos, embebidos desde o subdominio mapas.betanzos.es, que permiten explorar de forma intuitiva máis de 100 recursos turísticos e servizos municipais.
Estes mapas “melloran a experiencia da persoa usuaria e facilitan a planificación da visita”, xa que “a web incorpora fotografías actualizadas, roteiros temáticos e contido estruturados, para ofrecer información clara e atractiva a distintos perfís de visitante”.
Barral indicou que todo o portal foi deseñado cun enfoque responsive, para garantir un correcto funcionamento en todos os dispositivos, e que nace co obxectivo de consolidar a web como unha ferramenta estratéxica de promoción, que reforce a imaxe de Betanzos como destino cultural, patrimonial e turístico de referencia en Galicia.
A nova web de Turismo configúrase como o portal principal de información turística do municipio. O deseño gráfico do portal baséase nas cores corporativas da nova identidade visual do Concello, garantindo coherencia coa imaxe institucional. A web incorpora fotografías actualizadas e de alta calidade, seleccionadas para reforzar o relato visual do destino e poñer en valor o seu patrimonio histórico, cultural, natural e gastronómico.
Os contidos organízanse de forma clara e intuitiva en diferentes bloques temáticos: información patrimonial e cultural, propostas de roteiros e experiencias, recursos naturais e etnográficos, e servizos municipais de interese turístico.
En síntese, a estrutura de navegación reduce a complexidade e permite un acceso rápido aos contidos máis relevantes.










