Betanzos presentou en Fitur a programación do seu 800 aniversario

1422
A alcaldesa, no centro, xunto a ministra de Turismo, a dereita os concelleiros Diego Fernández e Andrés Hermida

Betanzos presentou en Fitur a programación do seu 800 aniversario do traslado da cidade desde Tiobre ao actual centro histórico. Un amplo abano de actividades que comezará o próximo día 13 cun acto institucional e público na praza da Constitución e un concerto excepcional de Carlos Núñez na igrexa de San Francisco ademais dunha exposición única na que se repasan os feitos máis importantes destes oito séculos de historia. Antes, dúas citas promocionais, o sorteo de Lotaría Nacional do próximo día 2 na Aula de Cultura Xulio Cuns e o cupón do ONCE do propio día 13.

A primeira edil destacou na presentación a diversidade do programa, con actividades e eventos para todas as idades que converterán, dixo, “a Betanzos en referente en Galicia, nun dos lugares de visita obrigada”. María Barral indicou que o 800 aniversario estará presente en cada unha das actividades que se desenvolven en Betanzos de forma tradicional como as festas de agosto, a feira medieval, a Semana Santa, ou a Semana da Tortilla. “Haberá concertos especiais; teremos escenas na Feira Medieval vinculadas ao 800 aniversario; en cultura, cun certame especial de balconadas, con ciclos de teatro, música e cinema; na tortilla, seguiremos promocionando este produto gastronómico coa presenza de cociñeiros referentes; e a maiores convencións, xornadas vinculadas á historia da cidade e outras organizadas por distintas entidades e organismos que terán o seu epicentro a nivel galego e mesmo nacional en Betanzos”.

A alcaldesa, ante distintos medios de comunicación, fixo un convite para visitar Betanzos durante 2019, “xa non só polo que Betanzos ofrece nesta programación senón polo Betanzos significa: historia, cultura, tradición, comercio, gastronomía, etc.”

Dentro dos contactos mantidos pola alcaldesa destaca a conversa mantida coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Maroto Reyes, que amosou o seu interese pola celebración do 800 aniversario e a súa intención de estar presente na apertura do “ano de Betanzos”. A primeira edil destacou as reunións mantidas durante estes primeiros días de Fitur pola delegación betanceira, único concello de Galicia cunha caseta propia, con máis de 25 axencias e oito operadores de turismo para que inclúan na súa programación de viaxes e excursións as visitas a Betanzos.

A xornada incluíu a presentación dun vídeo turístico promocional de Betanzos. Neste unha parella de peregrinos estranxeiros que están a facer o Camiño Inglés de Santiago. A partir de aí xorde unha relación especial con Betanzos e o vídeo fai un percorrido pola historia dunha cidade mais tamén unha aprendizaxe, un descubrimento interior de cada unha das persoas que amosarán os aspectos máis importantes da cidade: festas tradicionais, o viño da terra, a tortilla ou os doces; a arte gótica, o Pasatempo, o Museo das Mariñas, a arquitectura modernista, o CIEC, a Feira Franca ou a romaría aos Caneiros, elementos únicos que fan diferente a unha cidade como Betanzos, pero que “cada quen vive á súa maneira”. Esta viaxe ao interior de Betanzos descóbrenos todos os valores dunha cidade que tivo sempre unha intensa relación co mundo da arte, especialmente da pintura, a fotografía, a música e o cinema. A pesar de que o elemento común sexa a cultura, resumir 800 anos de historia non é tarefa fácil e no filme quíxose facer unha pequena homenaxe a todos aqueles talentos da cidade.

Para a realización do vídeo, que se publicará na web municipal e en redes sociais (na súa versión máis curta), foi clave a implicación e colaboración de toda a veciñanza, comerciantes e hostaleiros de Betanzos que permitiron rodar nos seus establecementos.