Betanzos recibirá outro millón de euros dos fondos next generation para o Plan de sustentabilidade turística do centro histórico

281

É o único municipio da provincia que recibe axudas do Estado nesta convocatoria. En total Betanzos obtivo ata agora do Goberno Central 4,3 millóns de euros de fondos europeos

O Goberno Central aprobou destinar un millón de euros ao Plan de Sustentabilidade Turística que presentou o Concello xunto á Reserva da Biosfera. O Concello de Betanzos, que recolle na proposta numerosas actuacións de dinamización, promoción e potenciación do centro histórico, é o único da provincia ao que se lle concede a achega do Estado. A proposta  pasara o primeiro corte na comisión mixta formada por representantes de Turismo de España, Fegamp e Xunta, contando nese caso coa oposición da Xunta.

A alcaldesa, María Barral, amosou a súa satisfacción polo millón de euros destinado polo Goberno de España con destino ao centro histórico de Betanzos, “un proxecto que, sen dúbida, revitalizará a zona e que xunto á mellora do Mercado municipal, suporá un importante impulso para o centro histórico”.

A actuación foi presentada á convocatoria de proxectos de sustentabilidade turística de fondos Next Generation dentro do Plan de recuperación, transformación e resilencia do Goberno central, convocatoria á que a Galicia lle corresponden 30 millóns de euros.

Os proxectos aprobados na comisión mixta, pasaron  á Xunta, que era a encargada de repartir eses 30 millóns de euros entre as propostas finalistas e aínda que  moitos proxectos quedaron fóra desta fase final, o certo é que os que si foron aprobados sumaron algo máis  de 90 millóns de euros.

Por iso, no caso de Betanzos a Xunta reduciu o orzamento de 2,3 millóns, que solicitara o Concello e a Reserva, ao millón de euros concedido, dando unhas horas de prazo para presentar o proxecto definitivo axustado ao millón de euros.

A primeira edil, María Barral, amosou a súa satisfacción porque Betanzos consiga un millón de euros máis dos Next Generation que se suman “aos 1,8 millóns do Mercado municipal e o 1,5 do Pasatempo” e que permitirá, sen dúbida, “reactivar, xunto a outras actuacións, o centro histórico”.

O proxecto  recolle unha serie de accións no centro histórico en tres anualidades co obxectivo xeral de situar  Betanzos a nivel nacional como polo de turismo cultural e escaparate dos produtos agroalimentarios da Reserva da Biosfera á que pertence; mediante a creación dunha oferta experiencial diferenciadora, de calidade e comercializable que poña en valor a identidade do territorio e axude á xeración de riqueza.

Entre as  accións que inclúe o Plan prevese a creación do primeiro parque de xogos infantís co que se dotará o centro histórico, un programa de rutas temáticas e rutas guiadas interpretativas que se poderán realizar en bicicleta e un espazo enogastronómico que levará a cabo para a venda dos  produtos agroalimentarios.

As rutas conectarán tamén as experiencias creadas polas empresas que participen neste plan de sustentabilidade para facer unha oferta turística que recolla visitas, degustacións gastronómicas e catas entre outras. Como complemento a esta actuación, o plan recolle tamén un programa de iluminación eficiente de “xoias” arquitectónicas do centro histórico. Neste caso perséguese pór en valor elementos diferenciadores do centro histórico que formen parte das rutas que se deseñarán por este, e sinalizará aqueles elementos de gran valor e con gran capacidade de atracción de visitantes, potenciando, á súa vez, a realización de rutas nocturnas.